sábado, 14 de outubro de 2023

Marconi en Ferrol de 1902

Marconi visitou Ferrol en agosto de 1902, cando xa era unha figura mundialmente coñecida pola conexión de Poldhu en Cornualles e Terranova en Canadá a finais de 1901. Marconi estaba nuha travesía desde San Petersburgo, invitado polo Rey de Italia no barco militar Carlo Alberto, para facer novas probas de radiotelegrafía. A parada en Ferrol sería técnica, por víveres e auga, pero serviu para certas actividades técnicas sendo das primeiras experiencias en España, xusto despois dos experimentos de Cervera. 

 Figura do barco Carlo Alberto.Wireless Telegraphy, Jonathan Adolf Wilhelm Zenneck (1915)


O barco ía dirixido polo capitán Martino Cesare e o almirante Carlo Mirabello, pesaba 2012 toneladas y contaba con 42 cañóns e 486 homes.  Algúns xornalistas visitan ao científico o 27 de agosto pola tarde, para coñecer de primeira man as súas impresións da viaxe. Estaba probando un novo tipo de antena no barco que ocupaba con fíos unha boa parte do casco do buque, así como modificando algunha das estación telegráficas. A conectividade con buques estaba limitada ata este momento a 800 millas e, con esta tecnoloxía chegara ata 3000 millas, facendo probas contra a nova estación de Kronstadt, unha illa ao carón de San Petersburgo. Como curiosidade, os xornalistas recollen como Gigliermo Marconi impediu visitar as instalacións telegráficas no barco aos visitantes, xustificando que eran ordes do propio almirante.

Portada de L'Illustrazion Italiana na que aparece Marconi no barco Carlo Alberto xa na chegada a Italia tras pasar por Ferrol e Cádiz, publicada  21 de setembro de 1902


Marconi estivo en comunicación con Inglaterra na súa estadía en Ferrol polo que trasladou aos visitantes novas que chegan por radio, como un incendio en París o visitas reais en sitios de Europa.  Unha comisión de telegrafistas de Vigo onde manifestou que lle intersaba que o seu invento fora máis unha base de progreso para a humanidade que un negocio particular seu. Marconi parecía canso, xa que traballaba nas probas polas noites, para ter unha mellor conectividade, pero conversou en francés cos visitantes e ofreceu un champán. Estivo en compaña do marques de Sig, que actuaba como auxiliar de Marconi.

Mapa do roteiro do barco en 1902, coa parada en Ferrol.


Para saber máis: 

  • El Correo de Galicia  Diario independiente de avisos y noticias Num. 527 (28/08/1902)
  • El Correo gallego  diario político de la mañana Ano XXV Número 8138 - 28 de agosto de 1902
  • La idea moderna  diario democrático en Lugo Num. 3507 (29/08/1902)
  • La Correspondencia Gallega  diario de Pontevedra Ano XIV Número 3782 - 29 agosto 1902
  • El regional  diario de Lugo Num. 6792 (30/08/1902); Num. 6795 (02/09/1902)
  • El Noroeste - 28 de agosto de 1902
  • La Correspondencia de España  diario universal de noticias Ano LIII Número 16273 - 27 de agosto de 1902; Ano LIII Número 16276 - 30 de agosto de 1902
  • El Eco de Santiago  diario independiente Ano VII Número 1269 - 1902 Agosto 28; Ano VII Número 1271 - 30 de agosto de 1902
  • Diario de Reus  de avisos y noticias Ano XLIII Número 195 - 31 de agosto de 1902
  • El Liberal Ano I Número 33 - 31 de agosto de 1902

domingo, 8 de outubro de 2023

A visita de Marconi a Vigo en 1928

Desde o 20 de marzo de 1928, Marconi e a súa muller están embarcados no buque Electra da súa propiedade. Visitan Malta, Túnez, Trípoli e Sevilla. O 8 de marzo de 1928 parten de Sevilla rumbo a Vigo, antes de viaxar a Inglaterra onde Marconi tiña intención de facer uns ensaios sobre ondas direccionais (usando bandas de frecuencia máis altas, menor potencia de transmisión e maior seguridad de escoitas non desexadas). Curiosamente, a prensa menciona os intentos en Inglaterra de controlar remotamente avións para evitar contar con pilotos, que sería de interese para Marconi.

O barco de 632 toneladas conta cunha tripulación de 30 homes, dirixida pola capitán Lauro e o oficial Romano. Chegan a Vigo o 10 de marzo pola tarde onde a prensa sorpréndese de que só tardaran dous días na travesía desde Sevilla. Marconi e a súa muller pasearon en coche por algunhas rúas da cidade e emitiron un concerto de 16:00 a 17:30 que se celebraba no extranxeiro e que podía ser escoitado polos vigueses desde as Avenidas.

Foto do barco Electra na ría de Vigo

O 11 de maio Guillermo Marconi tivo un banquete ás 13 horas no Hotel Moderno co alcalde de Vigo. Asistiron o alcalde e a súa muller; Marconi e muller; o secretario municipal Baliño; o consul de Italia e señora;  o presidente e secretario da cámara de comercio, os Sres. Mirambell e Castejón, o capitán do Electra; o secretario do fascio en Vigo D. Giorgiano Paganini e o presidente do Círculo Mercantil . Foi convidado a facer unha xira por Baiona, pero Marconi mostrou mais interese na península do Morrazo. Visitaron esa tarde Pontevedra, Figueiredo, Cobres, Moaña, Bueu (onde visitaron as fábricas de conservas) e Cangas, volvendo a Vigo en barco.

Marconi e a súa muller acompañados do consul italiano e secretario do Fascio Guido Paganini e autoridades locais como o alcalde Sr. Alonso Cuenca e o presidente e secretario da Cámara de Comercio, os Sres Mirambell e Castejón.

Marconi pensaba visitar Santiago o 12 de marzo pero unha indisposición impediu a viaxe. O señor Ferreiroa, director do instituto de Vigo, escribiu a Marconi solicitando visitar o barco cos alumnos, sendo aceptada a visita. Así, o mesmo día 13 ao mediodía antes de partir, unha representación de profesores e alumnos visita o buque. Marconi explicoulles elementos para convertir a corrente alterna en continua, transformadores de potencias, sintonizadores, etc. Tamén introduciu os traballos para 'canalizar' as ondas (para ter antenas directivas) que permitiu conectar Londres con Sudáfrica. Aproveitou para comentar algún invento adicional, como un receptor sen antena ou unha máquina de escribir para facilitar o envío de mensaxes.

Nova da chegada de Marconi no El pueblo gallego do 11 de maio de 1928


Marcha o 13 ás catro da tarde, non sen antes prometer volver en xuño ou xullo a dar unha conferencia no Mercantil e coñecer a cidade de Santiago.  De camiño faría unha parada en Ferrol, onde non puido recibir ao alcalde López Suárez e o crego Matías Usero Torrente ao padecer un catarro. Foron atendido pola muller de Marconi. Matías redactaría na prensa local detalles técnicos como a emisora de 6KW en ondas de 300 a 2500m.

Para saber máis:

  • El Diario de Pontevedra : periódico liberal: Ano XLIII Número 13016 - 1928 maio 5; Ano XLIII Número 13021 - 11 de maio de 1928; Ano XLIII Número 13022 - 12 de maio de 1928
  • El Correo gallego : diario político de la mañana: Ano L Número 17653 - 11 de maio de 1928; Ano L Número 17656 - 15 de maio de 1928
  • El pueblo gallego : rotativo de la mañana: Ano V Número 1319 - 11 de maio de 1928; Ano V Número 1320 - 12 de maio de 1928; Ano V Número 1321 - 13 de maio de 1928
  • El Eco de Santiago : diario independiente: Ano XXXII Número 14115 - 12 de maio de 1928
  • El Ideal gallego : diario católico, regionalista e independiente: Ano XII Número 3204 - 12 de maio de 1928; Ano XII Número 3207 - 16 de maio de 1928
  • El Noroeste : diario católico regionalista: Ano XXXIII Número 13738 - 12 de maio de 1928
  • Vida gallega : ilustración regional: Ano XX Número 378 - 30 de maio de 1928
  • La Región : diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos: Ano XIX Número 5444 - 17 de maio de 1928

mércores, 4 de outubro de 2023

O locutorio do Obelisco na Coruña

 As centrais telefónicas facían o rol de locutorios para aquela maioría de potenciais usuarios que non dispuñan de teléfono na casa. Adicionalmente outras ubicacións tamén permitían usar un teléfono mediante uso compartido previo pagamento. As populares cabinas telefónicas de pago por moedas non chegarían ata finais dos anos 50, sendo as primeiras experiencias en Madrid nos anos fináis dos anos vinte do século XX. 

Un dos lugares que máis chama a atención e o locutorio telefónico do quiosco do Obelisco, que aparece en fotografías e postais ao estar situado nun dos iconos principais da cidade da Coruña, a poucos da central telefónica no edificio do Casino da rúa Real. Que sabemos deste locutorio?

Postal. O quiosco do obelisco indicando "Teléfonos. Servicio Público". Sen datar.


Primeiro uso como despacho de leite

A prensa recolle en abril de 1906 a apertura dun chalé modernista con luxo e elegancia, para aqueles que gusten de tomar leite crúa ou cocida, baixo a marca de "Lechería Gallega" que contaría con outros puntos de venta da cidade. Durante uns anos de actividades, ata 1914 aproximadamente, deixaría frecuentes anuncios na prensa e certa pegada en forma de fotografías. 

El Eco de Galicia : diario católico é independiente : Num. 637 (03/10/1908)

El Noroeste : diario católico regionalista: Ano XVII Número 6066 - 1912 abril 15


Curiosamente este quiosco sería noticia en febreiro de 1909 por unhas liortas nunha folga de pintores, nun momento en que dúas persoas, Alfredo Castro Segade e Ricardo Marcote estaba a pintar de cor verde o mesmo. Este caso chegaría á audiencia en 1911. Tamén en setembro dese ano aparecería una referencia a un impago dun vaso de leite consumido por Jesús González Vázquez que ocasionaría unha multa de 25 pesetas.

En 1911 aparece unha referencia á venda de localidades para o partido de futbol entre o Deportivo e un equipo de Burdeos que estaba na cidade.

Postal do quiosco do obelisco cun carro de "Lechería Gallega". Sen datar

A comisión de Policía no 17 de maio de 1913 do Concello de A Coruña autoriza o traspaso do quiosco de Enrique Teijeiro a Manuel García Juncosa, propietario do Salón Cinema Coruña, para transformalo nun salón para limpabotas.


A nova era do quiosco

En xuño de 1915, tras dous anos levando a concesión, debátese no Concello se cumpre eliminar esa concesión ao considerala "un privilexio". Non volvería o asunto ata maio de 1918, onde se aproba a retirada do quiosco, non se algo de controversia desde as páxinas do Ideal Gallego. Esta retirada tardaría en producirse. Cumpre salientar que en todo momento refírense a él como quiosco para limpabotas, obviando a función de teléfono público. 

En 1917 queimouse a central telefónica da rúa Real e, tras uns meses sen servizo, trasladouse á Rúa Juana de Vega. Debe ser nesta época cando abriu como servizo de teléfono público, xa que antes existiría un locutorio na propia central a escasos 25 metros.


El Ideal gallego : diario católico, regionalista e independiente: Num. 400 (16/05/1918)

Adicionalmente, cumpre mencionar que aparece na prensa en múltiples mencións como despacho de billetes para a praza de touros e outras actividades, pero tratábase de outra casilla, situada entre o obelisco e o quiosco, rematada cunha bandeira de España.

Postal onde vese o quiosco e unha casilla independente para a venda de entradas para corridas de touros. Sen datar (~1919)

Un novo acordo do concello impulsa a retirada do quiosco en decembro de 1920, dando un prazo de 60 días, que alongaríase no tempo, xa que a confirmación formal na prensa chegaría en abril de 1921. O concesionario reclamaría que non foi notificado en tempo e forma por parte do concello.


Para saber máis:
  • Revista gallega : semanario de literatura e intereses regionales: Ano XII Número 578 - 1906 abril 15
  • El Eco de Galicia : diario católico é independiente : Num. 637 (03/10/1908); Num. 925 (09/09/1909); Num. 1425 (16/04/1911); Num. 1467 (04/06/1911); Num. 2077 (18/05/1913); Num. 2820 (10/06/1915)
  • El Diario de Pontevedra : periódico liberal: Ano XXVI Número 7440 - 1909 febreiro 25
  • El Noroeste : diario católico regionalista: Ano XVII Número 6066 - 1912 abril 15
  • El Ideal gallego : diario católico, regionalista e independiente: Num. 400 (16/05/1918); Num. 401 (17/05/1918); Num. 1105 (23/10/1920); Num. 1157 (22/12/1920)
  • Acción coruñesa : periódico defensor de los intereses de la capital de Galicia: Ano II Número 20 - 14 marzo 1921
  • La Voz de Galicia: 16 de maio de 1918; 23 de decembro de 1920; 17 de marzo de 1921; 6 de abril de 1921

xoves, 28 de setembro de 2023

A construcción da primeira rede telegráfica (1855-1859)

 O anuncio de construción das redes de telegrafía chega formalmente en abril de 1855 para a España poninsular. Galicia queda enclavado na liña do noroeste, que vai por Madrid, Segovia, Valladolid, Medina de Rioseco, partindo o ramal galego por Zamora, Ourense, Vigo, Santiago, A Coruña, Betanzos e dividíndose entre Lugo e Ferrol. O proxecto de rede sae a concurso público, sendo concesionario D. Saturnino Sáenz, contratista de orixe ourensana. Tamén aparece mencionado D. Ramón Martínez Saco como contratista para os postes no tramo entre Ponteareas e Santiago de Compostela.

Boletín Oficial de la provincia de Orense Ano 119 Número - 4 de outubro de 1855


En abril de 1856 coméntase que o arame xa está no porto de Santander, xunto con ferramenta e catro estacións telegráficas. Non son do sistema inglés baseado en agullas, senón do americano Morse con puntos e raias sobre tira de papel, fabricando no obradoiro parisino de Mr. Mouilleron, que serían os primeiros de España. En paralelo, os deputados discutían sobre a conexión de Tui con Valença e a posibilidade de levar o telégrafo ata o Lazareto de San Simón. Tamén se pedía nestas datas a instalación de Lugo a Oviedo por Ribadeo. 

La Oliva  periódico de política, literatura e intereses materiales Ano I Número 21 - 12 abril 1856


En setembro de 1856 hai novas sobre a chegada de material aos portos como arame á terminal de Vigo, así como a distribución de postes desde Ourense. Os rumores sobre os retrasos fan que aparecen novas nos  xornais, como en La Oliva do 1 de novembro de 1856, que ten resposta unha semana máis tarde por parte de Jose Bordás, encargado en Ourense de Saturnino Saenz, contratatista da obra.  Trata de eximir a responsabilidade do contratista sobre as demoras, indicando que débense a trámites administrativos públicos (decidir as rutas das liña, se debe pasar por Tui, existencia de locais para as estacións ou adeuds de materiais. 

Ubicar os telégrafos en cada cidade non era sencillo e se apostaba por diferentes estratexias (ou como parte de edificios públicos o de iniciativa privada). Por exemplo, no caso de Vigo estaría na planta baixa do Circulo Recreativo, futuro Casino, na localización do actual teatro Abanca. en Santiago tamén houbo problemas xa que local inicialmente concedido polo Ministerio de Facenda, na rúa San Agustín, foi finalmente retirado. Noutros lugar, como é o caso da Coruña, establécese no baixo do edificio do Goberno Civil para favorecer o envío de despachos oficiais. En Pontevedra sería no Pazo Provincial. Tamén se alerta sobre os ataques sobre a propia rede, con medos introducidos na sociedade ao telégrafo.

La Oliva  periódico de política, literatura e intereses materiales Ano I Número 131 - 4 abril 1857

As obras, tanto a instalación de postes, arames e illantes prodúcese a toda velocidade no segundo trimestre de 1857, finalizando no tramo Betanzos - Ferrol, que tamén padece un temporal a finais de xuño provocando a caída de postes. Na prensa aparece una referencia á inspección da instalación que realiza o Sr. Bellón, que emite un informe negativo sobre os illantes. Isto motiva que saia publicada unha Real Orde de 7 de agosto de 1857 indicando as deficiencias e a toma de control sobre a obra por parte da administración, para sustituir os elementos non aceptados na liña do Noroeste, a costa do contratista.

Isto non consegue acelerar as cousas e a primeiros de 1858 a prensa recolle con desconfianza os atrasos, que ían paralelos aos do ferrocarril. Prodúcese a apertura para probas e despachos oficiais a finais de abril de 1858, mentres que a apertura ao público farase o 20 de maio de 1858. Das dez primeiras estacións (Verín, Ourense, Tui, Vigo, Pontevedra, Santiago, Betanzos, Coruña, Ferrol e Lugo) abrirían todas nesa data menos Santiago e Verín, que tiñan pendente obras nas estacións. 



Para saber máis:

  • Boletín Oficial de la Provincia de Lugo Número 52 - 3 de abril de 1855; Número 68 - 7 de xuño de 1858; Número 60 - 19 de maio de 1858
  • Boletín Oficial de la provincia de Ourense Ano 119 Número - 4 de outubro de 1855
  • La Oliva  periódico de política, literatura e intereses materiales Ano I Número 15 - 22 marzo 1856; Ano I Número 20 - 9 abril 1856; Ano I Número 21 - 12 abril 1856;  Ano I Número 48 - 16 xullo 1856; Ano I Número 55 - 9 agosto 1856; Ano I Número 67 - 20 setembro 1856; Ano I Número 72 - 8 outubro 1856; Ano I Número 81 - 8 novembro 1856; Ano I Número 84 - 19 novembro 1856; Ano I Número 86 - 26 novembro 1856; Ano I Número 111 - 17 febreiro 1857; Ano I Número 111 - 17 febreiro 1857; Ano I Número 131 - 4 abril 1857
  • Gaceta de Madrid núm. 1198, de 15/04/1856; 10 de abril de 1857; 23 de maio de 1857;  6 de xuño de 1857; 17 de xuño de 1857; 10 de xullo de 1857; 3 de agosto de 1857; 3 de decembro de 1857; núm. 131, de 11/05/1858; núm. 150, de 30/05/1858; núm. 170, de 19/06/1859
  • El defensor de Galicia Ano I Número 18 - 11 novembro 1856; Ano I Número 24 - 25 novembro 1856
  • El Iris de Galicia Ano I Número 3 - 10 maio 1857; Ano I Número 5 - 17 maio 1857; Ano I Número 15 - 21 xuño 1857; Ano I Número 32 - 19 agosto 1857 
  • La aurora del Miño  periódico de intereses morales y materiales Número 2 - 24 de maio de 1857; Número 13 - 30 de xullo de 1857
  • Boletín oficial de la provincia de La Coruña Número 188 - 10 de agosto de 1857
  • El País periódico semanal.Ano II Número 19 - 3 xaneiro 1858; Ano II Número 30 - 14 febreiro 1858;  Ano II Número 44 - 4 abril 1858; Ano II Número 51 - 29 abril 1858; Ano II Número 58 - 23 maio 1858
  • El Fomento de Galicia  periódico destinado principalmente al desarrollo de los intereses materiales del país Ano I Número 6 - 26 febreiro 1858; Ano I Número 7 - 28 febreiro 1858; Ano I Número 26 - 17 abril 1858; Ano I Número 31 - 29 abril 1858
  • La aurora del Miño  periódico de intereses morales y materiales Número 16 - 18 de agosto de 1857

domingo, 24 de setembro de 2023

A estación Marconi do monte Vixiador en Vigo (1911)

En 1909 dase conta da intención de instalar en Vigo, en Coruxo, na parroquia de San Andrés de Comesaña, xusto ao carón da cohetería unhas antenas do sistema Marconi por parte da compañia Concesionaria del Servicio Público Español de Telegrafía sin Hilos, empresa de orixe francés que gañou a poxa para instalar 24 estacións incluíndo como posibles ubicacións Fisterra, Cabo Vilán, Estaca de Bares ou as Illas Cíes.  Levar unha liña de telégrafos ás Cíes era un pequeno desafío, polo que zona costeira parecía mellor opción.


Proxecto de instalar un estación nas Cíes, finalmente descartado. Electrón nº 396 . 1 de xullo de 1908

Vigo pasou a competir con Cabo Vilán. O Sr. Aróztegui, representante da Liga Marítima ten unha reunión con membros da asociación en Coruña, así como a comandancia de Mariña e representantes da Cámara de Comercio, consignatarios, armadores de buques, pesqueiros i enxeñeiros. Alí, propuñan que se implantara unha estación no cabo cun alcance de 1.500 millas, para chegar ata o punto onde acababa a cobertura das estacións americana. Por algunha razón o proxecto priorizaría Vigo.

O servizo radiotelegráfico, quitando a peculiar experiencia do Diario Ferrolano conectando Ferrol e Coruña, estaba pensado para comunicacións con buques, mellorando o sistema semafórico que existía ata ese momento.

En novembro de 1910 Marconi crea a Sociedad Española de Telegrafía sin Hilos, con participación do Estado e a intención de instalar torres de comunicacións en Vigo, Madrid, Barcelona, Cabo de Gata, Cádiz, Baleares e Canarias.

O 20 de marzo de 1911 aparece a referencia na prensa da presenza dun enxeñeiro alemán da compañía de Marconi para facer a instalación, que pasaría de Coruxo ao Monte Vixiador (na parroquia de Candeán) por asuntos técnicos. O material chegaría no vapor Aragón (16 toneladas) xunto con Sr. Richard Norman Vyvyan (de Halston en Cornualles)  e no barco Orita (coas columnas de ferro das torres, que chegaría o 28 de marzo). O enxeñeiro inglés Vyvyan traballa para a empresa inglesa de Marconi, sendo un dos xefes da compañía, que se entrevistaría co alcalde nestas datas. Probablemente se tratara do alcalde do Concello de Lavadores, naquel momento separado de Vigo.      

As obras de instalación serían sacadas a concurso entre os mestres da cidade. O arrastre de pezas costaría 22 pesetas por tonelada. O arquitecto municipal realizou o proxecto de vivenda para o director da estación e o seis ou oito telegrafistas que traballarían nela. En agosto xa estaban montadas as antenas, á espera do estación radiográfica. O responsable da montaxe sería o enxeñeiro Fabian Korber, natural de Biarritz
 


As probas de validación foron en decembro de 1911, polos funcionarios do corpo de telégrafos D. Jose Sandoval, con experiencia nas estacións do Diario Ferrolano no periodo 1905-1907, e os Sres. Boyer e Regueiro. Durante as probas de Vigo manterían comunicación regular, durante todo o día, con Poldhu, a mítica base de Cornualles (Reino Unido), ata onde foi Jose Sandoval,  Cádiz, Barcelona, Tenerife e Las Palmas, sen ter que repetir palabras. Tamén se conectou con Clifden (Inglaterra) e Coltano (Italia), así como contactos con barcos que solicitaron a admisión de mensaxes para ser entregados polo rede telegráfica. Estas mensaxes terían o nome de marconigramas. 

A apertura demoraríase xa que o Estado tardou en construir a ligazón entre o monte Vixiador e o centro telegráfico. O presidente da Cámara de comercio, Ceferino Maestu, reclama ao director xeral de Correos e Telégrafos así como ao deputado a Cortes o Sr Urzaiz a finalización da obra. A instalación queda lista o 1 de febreiro de 1912, quedando pendente só destinar o persoal necesario. Rafael Maroto, oficial quinto de telégrafos de Vigo, queda asignado á estación do Monte Vixiador. Por parte da empresa de telegrafía sen fíos, sería encargado o Sr. Dovell, procedente de Londres. 

En agosto de 1915 noméase ao tenente Leopoldo Cal como inspector da zona radiotelegráfica con base en Vigo

O declive da estación

Aparece unha referencia na prensa de 1922 sobre a voda do xefe da sección radiotelegráfica do Vixiador D. Eusebio Lozoya, canda a estación xa debía estar nunha certa inactividade. 

En xaneiro de 1924 o xornal El Pueblo Gallego, desde o seu primeiro número, comeza a realizar unha serie de artigos para denunciar o abandono da estación radiotelegráfica, que estaba sen uso. Federico Barreras, da asociación de navieiros e consignatarios reclama a compañía de telegrafía que repoña o servizo en base a un imcumplimento das condicións publicadas o 19 de febreiro de 1908, baixo o pretexto de que estaba en reparación. O concello apoia á asociación nas súas queixas e o alcalde Gregorio Espino visita a compañía en Madrid.

O xornal fala de catro anos de deficiencias, polo que estaría sen servizo desde 1920 e acusa á empresa de non dar servizo ao buque T.H. Skogland que naufragou un ano antes en Baiona ao non poder recibir as chamadas de socorro. O Ministerio da Marina pensa en dotar en marzo de 1924 de elementos informativos para buques tanto semafóricos (cun proxecto de instalación dun semáforo nas Cíes e noutras rías) e radiotelegráficos, que poderían implicar a recuperación da estación do Vixiador.

En outubro de 1924  a empresa T. S. H. dona da estación do Vixiador e concesionario en exclusiva do servizo recomenda a instalación dunha liña telegráfica directa de Vigo a Fisterra para que os armadores vigueses poidan estar en comunicación cos buques. Xa en decembro chega a nova da vontade do director  xeral de comunicacións de incautar tanto as estación de Vigo como Fisterra para pasar a ter un carácter de servizo público.


Para saber máis:

  • Nova Galicia revista semanal, órgano dos gallegos é pr'os gallegos n'as Américas Número 314 - 21 de novembro de 1909
  • Galicia revista semanal ilustrada Ano IX Número 50 - 10 de decembro de 1910; Ano X Número 12 - 1911 marzo 25
  • El Correo de Galicia Diario independiente de avisos y noticias Num. s.n. (16/11/1910); Num. s.n. (21/03/1911); (15/11/1911); (15/12/1911);  (23/02/1912)
  • Noticiero de Vigo diario independiente de la mañana Ano XXVI Número 10877 - 20 de marzo de 1911; Ano XXVI Número 10879 - 22 de marzo de 1911; Ano XXVII Número 11098 - 9 de xaneiro de 1912; Ano XXVII Número 11116 - 1 de febreiro de 1912
  • El Progreso : diario liberal: Año IV Número 908 - 25 de marzo de 1911
  • El Tea semanario independiente Ano V Número 220 - 7 de decembro de 1912
  • La Región diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos Ano I Número 164 - 28 de agosto de 1910
  • La Correspondencia Gallega diario de Pontevedra Ano XIX Número 5329 - 14 novembro 1907
  • Galicia nueva : periódico regional, primer diario de Villagarcía: Ano IV Número 1092 - 1910 novembro 18; Ano V Número 1188 - 1911 marzo 22; Ano V Número 1409 - 1911 decembro 19
  • La voz de la verdad : diario católico con censura eclesiástica: Num. 127 (03/03/1911); Num. 272 (30/08/1911);  Num. 365 (19/12/1911); Num. 385 (15/01/1912); Num. 402 (03/02/1912)
  • Diario de Galicia: periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general: Num. 678 (04/03/1911)
  • El regional : diario de Lugo: Num. 9114 (09/03/1911)
  • El Correo gallego : diario político de la mañana: Ano XXXIV Número 10993 - 1911 abril 4
  • El Eco de Galicia : diario católico é independiente : Num. 1453 (19/05/1911); Num. 1674 (03/02/1912)
  • El Diario de Pontevedra : periódico liberal: Ano XXVIII Número 8279 - 1911 decembro 16
  • Gaceta de Galicia : Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela: Num. 300 (17/12/1911); Num. 42 (23/02/1912)
  • La Región : diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos: Ano III Número 584 - 1912 xaneiro 16
  • El norte de Galicia : diario político y de información: Num. 3384 (04/03/1912)
  • El Eco de Santiago  diario independiente Año XXVII Número 11264 - 2 de setembro de 1922
  • El pueblo gallego rotativo de la mañana Ano I Número 1 - 27 de xaneiro de 1924; Ano I Número 3 - 30 de xaneiro de 1924; Ano I Número 4 - 31 de xaneiro de 1924; Ano I Número 18 - 16 de febreiro de 1924; Ano I Número 31 - 2 de marzo de 1924; Ano I Número 55 - 30 de marzo de 1924; Ano I Número 57 - 2 de abril de 1924; Ano I Número 220 - 10 de outubro de 1924; Ano I Número 267 - 4 de decembro de 1924
  • Verdad y justicia  semanario imparcial defensor de los intereses generales del distrito Ano I Número 12 - 14 de agosto de 1915
  • Revista Electrón nº 396 . 1 de xullo de 1908

martes, 19 de setembro de 2023

A estación radiotelegráfica do Diario Ferrolano (1905)

Xoves 4 de maio de 1905. 

Inaugúrase a primera estación de telegrafía sen fíos de Galicia, propiedade do xornal Diario Ferrolano, que sería a primeira para este fin de España ("primeiro de España, onde unha empresa particular, modestísima, ensaia e utiliza o maior invento científico realizada pola humanidade")


Diario Ferrolano de 5 de maio de 1905


Conectaba A Coruña con Ferrol e permitía un acceso máis rápido por parte do diario ás novas dos corresponsais tanto da Coruña como de Madrid. Cumpre salientar que Ferrol carecía de teléfono urbano nesas datas, polo que só estaba servida polo telégrafo oficial, que ademáis pechaba (tiña carácter limitado) antes da chegada da información dos corresponsais de Madrid, polo que supoñía unha vantaxe clara para o xornal (a estación de Coruña era permanente)

Portada do Diario Ferrolano

A familia Barcón foron os fundadores do xornal e os responsables da instalación desta instalación. Antigos emigrantes en Cuba, na época colonial, fixeron fortuna. 

Estaba constituido por torres de comunicacións de 36 metros de altura, na marxe dereita do comezo da rúa Orillamar na Coruña e nas proximidades do pazo da Capitanía Xeral de Ferrol. O proveedor era a empresa alemana Telefunken, competidor de Marconi, decisión que xustifica o propio xornal atendendo a criterios técnicos. 

Sede do Diario Ferrolano na Rúa Real 92. Publicada no xornal do 5 de maio de 1905


O xornal, na data da inauguración, recolle os atrancos burocráticos que padeceron, tras a aprobación do proxecto cunha Real Orde do 3 de decembro de 1904 (non publicado na Gaceta de Madrid e non corservado) por parte de Angel Rendueles, director de Comunicacións. O xornal laiábase de que en febreiro de 1905 o ministerio de Guerra prohibía o proxecto, a pesar de que o capitán xeral de Ferrol apoiaba o proxecto. Finalmente o xeral Urquiza, xefe da sección de enxeñeiros do ministerio de Guerra e o coronel Gallego, do Estado Maior Central, intercederon a favor da execución do proxecto. 

Agradecen tamén a implicación de Luis Brunet Armenteras, xefe da sección do novos inventos do corpo de telégrafos. Pedro Ferrer (xefe de telégrafos da Coruña), D. Francisco Sastre (xefe de sección), D. Pedro Benito Cánovas (xefe da estación de Ferrol) e D. Jose Sandoval, inspector das estacións de telegrafía sen fíos. Sería o mesmo que logo se responsabilizaría da construcción das redes provinciais. Tamén mencionan a Felix Norzagaray e Saturnino Lamas, membros do corpo de telégrafos, por participar das probas. 


 

Na revista El Telegrafista de 5 de outubro de 1905 aparece unha reportaxe sobre o sistema de telegrafía, salientando as dificultades por ter o monte da punta Segaño, de 265m de altura, no vano principal do enlace.  Curiosamente a estación de Coruña era de enerxía alterna de 120 voltios e 50 Hz, mentres que no lado de Ferrol é con corrente continua a 150 voltios contando cunha turbina de mercurio para alternar. 

acordo do pleno do Concello de Ferrol de 11 de febreiro de 1905


Salienta como maior curiosidade o uso da pila electrolítica "célula de Schlömilch", formada por 2 fíos de platino inmersos nun recipiente con ácido sulfúrico, que facía posible usar auriculares para recibir son.

Publicado en El Electricista. Revista general de electricidad. Ano V. 5 de outubro de 1905.



A curta vida destas estacións radiotelegráficas

O corpo de telégrafos utilizou desde 1905 as estacións radiotelegráficas de Coruña e Ferrol como banco de probas para membros do corpo de telégrafos de toda España. Todos estaban convidados a acudiren a Coruña e Ferrol por un período de tres meses cunha indemnización por custes de traslado equivalente a medio soldo. O funcionario responsable do servizo sería Jose Sandoval, responsable da formación dos voluntarios, que logo iría encargarse doutras estacións radiotelegráficas e dos plans de extensión da rede telefónica.

Postal da capitanía de Ferrol que inclue a torre instalada no xardín, xa sen uso. ~1910


O anuario telegráfico recolle que se cursaron, no último trimestre de 1905, 2194 despachos con 79816 palabras. 

Probablemente debido ao custe operativo ou a que o telégrafo Coruña-Ferrol xa operaba con carácter permanente, Ubaldo Barcón, impulsor do proxecto, decide ofrecer o 20 de marzo de 1906 a cesión da propiedade das estacións ao Estado a cambio de poder cursar telegramas de xeito gratuito con Madrid por un período de 25 anos. A orde de concesión de 1904 xa mencionaba a posibilidade desta incautación, así como a necesidade de servir de comunicacións con buques da Armada. Tras un análise e inspección por parte do oficial Antonio Nieto Gil, a Real Orde de 11 de xaneiro de 1907 decretou a incautación a cambio do ofrecer ese servizo telegráfico gratuito ao xornal por 20 anos e 375.000 palabras.

Tristemente, o acordo non duraría moito. O cambio de poder aos conservadores de Maura fixo que revisaran esa incautación. A Gaceta de Madrid publica o 14 de marzo que considera lesiva esa incautación polo que da marcha atrás, solicitando á Xustiza que declare a nulidade dese acordo. O firmante sería De La Cierva, director de Correos e Telégrafos, que tería varios conflitos con corpo neste tempo. A argumentación baseábase en que mentres a familia Barcón investiu 65.000 pesetas, o Estado deixaría de ingresar 375.000 pesetas por ofrecer o servizo gratuito. Ademáis, indicaba que xa no mantemento das estación o Estado gastara 7.066,40 pesetas.

Esta orde tamén indicaba algún dos problemas da estación. Comenta que nunca chegou a funcionar de xeito adecuado, polo que o Diario Ferrolano acostumaba a utilizar as líñas físicas do telégrafo, deixando de utilizar as estacións desde xuño 1906, onde se utilizaban únicamente para instruir aos funcionarios de telégrafos.

A decisión final chegou ao Supremo o 6 de decembro de 1907 dando a razón ao Estado, polo que Barcón tería que aceptar a devolución das estacións, que serían abandonadas. O 16 de febreiro de 1908 propúsose facer unha tasación pericial, para ser utilizadas por oficiais da Mariña, pero non queda constancia de que finalmente fosen incautadas. En 1911 xa aparecían formalmente como suprimidas.  Antes, no pleno do Concello de Coruña de 20 de abril de 1910 xa se preguntaban os concelleiros se funcionaba esa estación, xa que constaban intentos de comunicación por parte de barcos sen ter éxito.

Boletín oficial de la provincia de La Coruña: Número 230 - 1911 outubro 7

O proxecto pecharíase en 1914, cando o Sr. Bugallal publica un proxecto de lei no Congreso na que se aproba un crédito extraordinario de 29.909 pesetas, a pagar polo ministerio de Gobernación, pola tasación das antenas de D. Ubaldo Barcón, trala declaración de nulidade da incautación realizada. 


Para saber máis: 

  • El Noroeste Año X Número 3645 - 16 de febreiro de 1905; Ano XII Número 4508 - 7 de decembro de 1907
  • Diario Ferrolano. Número 659. 5 de maio de 1905
  • La Correspondencia Gallega  diario de Pontevedra Ano XVII Número 4659 - 17 agosto 1905; Ano XXIII Número 6485 - 11 outubro 1911
  • El Correo de Galicia  Diario independiente de avisos y noticias Num. s.n. (17/08/1905)
  • Gaceta de Madrid. Ano XXCLVI. Número 73. 14 de marzo de 1907
  • El norte de Galicia diario político y de información Num. 1739 (11/01/1907);  Num. 1821 (18/03/1907)
  • El Globo  nº 11591, 7 de decembro de 1907
  • El Mundo, 6 de decembro de 1907
  • La introducción de las radiocomunicaciones en España (1896-1914). Jesus Sánchez Miñana.
  • El Electricista. Revista general de electricidad. Ano V. 5 de outubro de 1905.
  • El Eco de Galicia : diario católico é independiente : Num. 1115 (21/04/1910)
  • Boletín oficial de la provincia de La Coruña: Número 230 - 1911 outubro 7
  • Gaceta de Galicia : Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela: Num. 242 (08/10/1911)
  • El Eco de Santiago  diario independiente Año XIX Número 6758 - 1914 Diciembre 07
  • La Voz de Galicia. 10 de febreiro de 1905; 5 de maio de 1905





xoves, 14 de setembro de 2023

O telégrafo do Lazareto de San Simón (1856-1883)

O telégrafo de Galicia comezou a construirse en 1856, cunha liña que entraba por Verín e chegaba ata Coruña vía Vigo. Os concesionarios eran os Sres. Saens de Ourense, que tiñan que construir a liña desde Medina de Rioseco. Nese momento pensouse en facer algunha variantes, tales como facer que pasara por Tui para favorecer a interconexión con Portugal.

Postal do Lazareto de San Simón. Anos 1920. 


Sería Lorenzo Cuenca, deputado no goberno, impulsor destas iniciativas, entre as que se atopaba tamén construir un circuito co lazareto de San Simón, que naquel momento tiña o privilexio de acoller en exclusiva a navegantes do Atlántico. Poñer en comunicacións a navieiras coas persoas en cuarentena sería un dos obxectivos principais desta liña.

Gaceta de Madrid núm. 1142, de 19/02/1856


O atraso nas obras debido a problemas cos materiais, falta de información por parte do goberno,  dificultades de construcción no inverno, etc. motivaron que a conexión de Tui se fixera dentro do proxecto orixinal con inauguracións en 1858, pero o Lazareto tardaría un tempo máis. 

En 1856 xa se debatía como conectar o lazareto á rede, con dúas opcións. Tirar un cable ata os postes de Cesantes, da liña de Vigo a Pontevedra, cun cable adicado ata Vigo e outro a Pontevedra ou facer una estación en Redondela, non prevista inicialmente, e tirar un cable de Redondela ao Lazareto. En calquer caso o cable iria subacuático 140 varas (~115 metros) e soterrado baixo a praia de Cesantes ata chegar aos campos

Revista de telégrafos Era 1 numero 4 - 30 de xaneiro de 1857

O proxecto do Lazareto de San Simón queda parado ata finais de 1860, coa primeira rede xa operativa e cando se falaba da extensión a Vilagarcía de Arousa e al liña de Lugo a Leon con estación en As Nogais.  Nesta ocasión xa se plantexa como unha liña directa de Vigo ao Lazareto, traballando no proxecto en 1861 o subdirector D. Emilio Paredes.  O concello de Redondela aproveitaría este intre para pedir una estación telegráfica intermedia no centro urbano, por onde pasaba a liña de Vigo a Pontevedra, que non sería atendida.

"A pesar de que este establecimiento carece de edificios suficientes para hospedar a los empleados y cuarentenarios y los que existen se hallan en un estado lastimoso por su deterioro, creo que la casa que hoy lleva con otras en arriendo el fondista y que está destinada a botica, salvo algunos reparos, es la más apropiada para establecer en ella la estación del telégrafo ya que tiene la capacidad necesaria y ya que está contigua a la mar y frente a la puerta de la playa de Cesantes. "

Resposta da dirección do Lazareto de San Simón á petición dunha habitación para o telégrafo por parte do Ministerio de Gobernación. 16 de novembro de 1862. 


Unha real orde do 1 de agosto de 1862 anunciaba os traballos, para o que sería nomeado responsable o subdirector D. Sebastián Alonso o 20 de febreiro de 1863, terminando o 26 de maio do mesmo ano, abrindo o servizo de xeito inmediato. Serían finalmente 16 quilómetros de cable sobre postes ata Vigo e 500 metros soterrados.

Gaceta de Madrid - 10 de xuño de 1863


A estación abriría só durante a época de cuarentenas, entre abril e outubro en 1863 e 1864, de xeito completo. En 1865 pasaría a estar aberta tamén en inverno, entendendo que a centro seguía aberto nesa época recibindo navegantes que tiñan que pasar a cuarentena. Esto acabaría en novembro de 1865, onde deixan de estar asignados telegrafistas a esa sede, debido a rotura do cable. 

Mapa telegráfico de España. 1864. Instituto Geográfico Nacional


Neses tres períodos que estivo aberta foi atentida por un único telegrafista, que estaría tempadas (semanas ou meses na estación). Sería Cristobal Burera, Julio Fuembuena e Isidro Unsain os que pasarían tempadas no lazareto. A singularidade da estación foi recollida pola Direccion de Telégrafos, que aprobou un sobresoldo para o telegrafista da illa dun 50% (e ocasionalmente un 100%) do soldo habitual para compensar a singularidade do servizo.  Este sobresoldo estaba limitado a esta persoa e os telegrafistas que viaxaran con Casa Real.

Mapa telegráfico de España. 1867. Instituto Geográfico Nacional


O 24 de setembro de 1868 sairá publicado na Gaceta de Madrid o concurso para suministrar cable telegráfico submarino para a conexión de Vigo e San Simón asi como para atravesar a ría de Santoña. No caso de San Simón pedíanse 2900 metros de cable subacuático, o que leva a pensar que a conexión xa non se faría por Cesantes.  Esta primeira subasta quedaría deserta, pasado a realizarse unha nova o 28 de novembro de 1868, quedando novamente deserta. O 23 de abril de 1869 anúnciase a compra directa de material, pero non consta a instalación do mesmo. 

Non sería ata 1883, xa cunha estación telegráfica en Redondela, cando abriría novamente a estación de San Simón. 


Para saber máis:

  • Gaceta de Madrid núm. 1142, de 19/02/1856; 10 de xuño de 1863; núm. 268, de 24/09/1868; núm. 333, de 28/11/1868; núm. 113, de 23/04/1869
  • La Oliva  periódico de política, literatura e intereses materiales Ano I Número 10 - 5 marzo 1856
  • El Correo de Lugo  Periódico de intereses morales y materiales 1 novembro 1860
  •  La Nueva Galicia periódico destinado a la defensa de los intereses morales y materiales del país Ano I Número 49 - 5 xullo 1863
  • Revista de telégrados: 15 de xaneiro de 1861; 15 de abril de 1864; 1 de xuño de 1864; 15 de outubro de 1864; 1 de xaneiro de 1865; 15 de novembro de 1865
  • Expediente sobre instalación de novas liñas telegráficas en Vilagarcía e no Lazareto de San Simón (1861). referencia 17.655/4. Deputación de Pontevedra
  • Comunicacións do Ministerio de Gobernación sobre a instalación da oficina telegráfica no Lazareto de San Simón (1862). Referencia 40.321/27. Deputación de Pontevedra

O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...