O 8 de xuño de 1908 adxudícase a rede telefónica do Noroeste, tras quedar en varias ocasións a poxa deserta, á Compañía Peninsular de Teléfonos do Sr. Enrique Parellada Pallás. Estaba previsto o inicio das obras no seguinte mes e a dispoñibilidade do servizo no seguinte ano, pero a realidade sería outra. Unha vez construída a rede ata León, pasarían a montar a rede a Lugo-Betanzos-Coruña e, nun posterior momento, o ramal Ourense-Vigo-Pontevedra-Santiago. Como estacións secundarias pediríase á compañía a construción das de Vilagarcía e Cortegada, que naquel momento pensábase que sería sede veraniega da familia real.
Adxudicación publicada na Gaceta de Madrid de 29 de xullo de 1908
Toda esta rede debería estar dispoñible na primavera de 1910, pero, pola guerra de Melilla, decidiuse comezar a construír a rede do Sur, poñendo como novas datas xaneiro de 1911 para Lugo e Coruña e setembro de 1911 para Ourense, Vigo e Pontevedra. A finais de outubro de 1910 aínda non comezaran as obras e increméntase a polémica. Cansos de agardar, en outubro de 1911 o presidente da Cámara de Comercio de Santiago viaxa a Madrid para reunirse con Director Xeral de Comunicacións e conseguir o seu apoio para atopar unha solución. A demora debíase ao compromiso da Compañía Peninsular en rematar a rede do Sur, por mandato gobernamental, pero terminada esta non comezan as obras da conexión con Galicia
Isto motiva que o 27 de outubro de 1911 sexa a Cámara de Comercio de Lugo a que lidere as mobilizacións e envíe comunicacións ás cámaras e prensa pedindo que o 6 de novembro de telegrafíe reclamado a rede ao presidente do goberno (Sr Canalejas), ó ministro de gobernación (Sr. Barroso) e ao director de Correos e Telégrafos.
A resposta chega por parte do ministro Barroso, publicada o 16 de decembro de 1911, onde indica que a concesión está rescindida de fato ao non terminar os traballos a Compañía Peninsular nun prazo de 3 anos desde a concesión (vencido en xullo de 1911) e anuncia unha nova poxa, que non acaba por realizarse. Por contra, nunha entrevista da Cámara de Comercio de Santiago con Director de Comunicación comenta que foi a propia compañía a que renunciara á concesión ao non poder satisfacer as condicións da poxa gañada tres anos antes. Sorprendentemente, o 10 de marzo de 1912 apróbase no consello de ministros unha prórroga de 30 meses adicionais en favor da compañía, que levanta certo malestar na prensa local.
O intento de recuperación da rede galega
En paralelo ás demoras, recupérase o proxecto de 1907 de Álvaro López Mora. Tras unha forte reclamación na prensa aproveitando a Exposición Rexional de Santiago en 1909, mentres non se instale o servizo da Compañía Peninsular, a Dirección de Correos e Telégrafos, por parte do Sr Francos Rodríguez, decide o 26 de novembro de 1909, reinstaurar o servizo telefónico entre Vigo, Pontevedra, Santiago, A Coruña e Ferrol, instalando un novo arame condutor para evitar os problemas causados ao servizo telegráfico. Coma no caso anterior, o político Álvaro López Mora intercede por recuperar este servizo. O 18 de xullo de 1910 noméanse dous oficiais segundos de telégrafos, D. Pedro Pérez Sánchez e D. Aurelio Álvarez Manzaneda como responsables da rede de telefonía.
Álvaro López Mora. Director Xeral de Comunicacións en 1907.
Entre Coruña en Vigo existían tres fíos para o servizo telegráfico, que non son suficientes para cursar todas as mensaxes. Ademais, o persoal do servizo tampouco resulta ser suficiente. A prensa, un dos maiores utilizadores do servizo telegráfico, é o principal afectado, e mostra as súas dúbidas sobre que ocasionará adicar un fío dos tres existentes ao novo servizo telefónico.
O proxecto non termina por concretarse e volve reclamarse na prensa e por parte de concellos e cámaras de comercio no período entre febreiro e abril de 1911 a Bernardo Sagasta, o director de Correos e Telégrafos nese momento. En maio de 1911 serían os concesionarios de redes urbanas, con Mariano Martín Villoslada (neste momento concesionario da rede de Santiago de Compostela e director da de Vigo) como un dos máis activos, os que reclamarían esa interconexión ante a pasividade da Compañía Peninsular. En setembro de 1911 xa serían os concellos, asumindo que a Compañía Peninsular desistira da instalación, os que requirirían a dirección de Correos e Telégrafos a reactivación do servizo. Nunca se recuperaría.
Comeza a instalación da rede interurbana
O 26 de novembro de 1912 anúnciase que están próximas a comezar, cando termine o tendido de Madrid a Xaén (na primavera de 1913), as obras de conexión con Monforte de Lemos con Madrid, con dous circuítos escalonados e outro directo ata Madrid Do cadro da central de Monforte sairán os fíos a Lugo-Coruña e outro a Ourense-Vigo-Pontevedra. A instalación será xestionada polo galego Aurelio Rey Mouriño (inspector da sección extremeña e xefe da estación de Cabeza del Buey).
O 30 de abril de 1913 aparece unha mención a unha entrevista co Sr. Baldebey, enxeñeiro da Compañía Pensinsular, onde comenta que unha brigada xa está a traballar na liña de León o Monforte. D. Luis de Armiñán, director xeral de Correos e Telégrafos, envía unha carta ao Faro de Vigo o 2 de agosto de 1913, explicando os problemas que padecía a rede de telefonía activada por López Mora en 1907 e os plan da Compañía Peninsular para ter telefono en Galicia nun prazo menor de un ano.
O xefe de brigada da Compañía Peninsular, Jose Iniesta Calvo, solicita autorización aos ferrocarrís do Norte para planificar a instalación da rede desde Monforte de Lemos a Coruña. Comezan a recibirse postes e arame de cobre no porto de Vigo e a rede comeza a ser unha realidade.
Borrador do mapa de conectividade da Compañía Peninsular de Teléfono. Ano 1910.
Para saber máis:
- El Correo gallego diario político de la mañana Ano XXXI Número 10088 - 9 de xuño de 1908; Ano XXXIII Número 10842 - 8 de outubro de 1910; Ano XXXIV Número 11178 - 10 de novembro de 1911; Ano XXXIV Número 11212 - 20 de decembro de 1911; Ano XXXVI Número 11644 - 15 de maio de 1913
- El Noroeste Año XIII Número 4665 - 9 de xuño de 1908; Año XIII Número 4669 - 13 de xuño de 1908; Ano XVI Número 5571 - 19 de febreiro de 1911; Ano XVI Número 5576 - 24 de febreiro de 1911; Año XVI Número 5601 - 21 de marzo de 1911; Ano XVI Número 5767 - 14 de setembro de 1911; Año XVII Número 6305 - 1 de decembro de 1912
- La Voz de Galicia 9 de xuño de 1908; 26 de novembro de 1909; 9 de decembro de 1909; 27 de febreiro de 1911; 14 e 24 de setembro de 1911;11 de novembro de 1911; 12 e 20 de marzo de 1912; 30 de novembro de 1912
- La Correspondencia Gallega diario de Pontevedra Ano XX Número 5500 - 11 xuño 1908; Ano XX Número 5502 - 13 xuño 1908; Ano XXII Número 6075 - 25 maio 1910; Ano XXIII Número 6301 - 25 febreiro 1911; Ano XXIII Número 6366 - 16 maio 1911; Ano XXIII Número 6490 - 18 outubro 1911; Ano XXIII Número 6501 - 2 novembro 1911; Ano XXIII Número 6511 - 14 novembro 1911; Ano XXIV Número 6821 - 26 novembro 1912; Ano XXIII Número 6535 - 13 decembro 1911; Ano XXIV Número 6845 - 24 decembro 1912; Ano XXV Número 6946 - 30 abril 1913
- Faro de Vigo - 12 de xuño de 1908; 7 de febreiro de 1909; 10 de decembro de 1909; 26 de novembro de 1909; 20 de setembro de 1910; 25 de febreiro de 1911; 16 de maio de 1911; 18 de outubro de 1911; 13 e 16 de decembro de 1911; 1 e 5 de agosto de 1913; 5 e 12 de decembro de 1913
- El Correo de Galicia Diario independiente de avisos y noticias Num. s.n.(06/03/1909); (25/11/1909); (27/11/1909); (09/12/1909); (16/05/1911); (14/09/1911); (11/03/1912); (13/12/1913)
- El Eco de Santiago diario independiente Anno XIV Número 8576 - 7 de xuño de 1909; Ano XIV Número 8577 - 8 de xuño de 1909; Anno XIV Número 8721 - 26 de novembro de 1909; Ano XIV Número 8731 - 9 de decembro de 1909; Ano XV Número 8614 - 9 de marzo de 1910; Año XVI Número 8867 - 18 de xaneiro de 1911; Ano XVI Número 8930 - 7 de abril de 1911; Ano XVI Número 9053 - 16 de setembro de 1911; Ano XVIII Número 6106 - 17 de maio de 1913
- El norte de Galicia diario político y de información Num. 2712 (27/11/1909); Num. 2723 (13/12/1909); Num. 2847 (17/05/1910)
- El Eco de Galicia diario católico é independiente Num. 903 (27/11/1909); Num. 1141 (20/05/1910), Num. 1262 (06/10/1910); Num. 1555 (14/09/1911); Num. 1591 (31/10/1911); Num. 1310 (01/12/1910); Num. 1630 (14/12/1911)
- La Libertad Num. 238 (23/04/1910)
- Galicia nueva periódico regional, primer diario de Villagarcía Año III Número 810 - 18 de decembro de 1909
- Diario de Galicia periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general Num. 672 (24/02/1911); Num. 689 (17/03/1911); Num. 736 (14/05/1911); Num. 907 (08/12/1911); Num. 916 (20/12/1911); Num. 1200 (30/11/1912); Num. 1445 (21/09/1913); Num. 1514 (13/12/1913
- El Diario de Pontevedra periódico liberal Ano XXVIII Número 8106 - 18 de maio de 1911; Ano XXIX Número 8352 - 14 de marzo de 1912; Ano XXX Número 8813 - 20 de setembro de 1913; Ano XXX Número 8889 - 17 de decembro de 1813
- Gaceta de Galicia Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 262 (01/11/1911); Num. 310 (30/12/1911)
- La voz de la verdad diario católico con censura eclesiástica Num. 369 (23/12/1911) ; Num. 435 (13/03/1912)
- Noticiero de Vigo diario independiente de la mañana Ano XXVI Número 11047 - 10 de novembro de 1911