xoves, 28 de abril de 2022

O rol de Andrés Comerma nas primeiras probas de telefonía (1878)

A chegada da telefonía a Galicia está ligada á figura de Andres Avelino Comerma e Batalla, nado o 10 de xullo de 1842 en Valls (Tarragona), membro dos corpos técnicos da Armada. Trátase dun dos enxeñeiros máis creativos da historia de Galicia, participando en actividades como as primeiras probas de raios X para o uso en medicina, o primeiro uso da luz eléctrica en Galicia, o dique da Campana en Ferrol, un proxecto de túnel no estreito de Gibraltar, etc. Tivo a oportunidade de viaxar a moitas feiras de vangarda, como a Exposición Internacional de París de 1878 ou a Exposición Internacional de Electricidade de París de 1881, onde se definiron moitas das unidades de medida relacionadas coa electricidade e na que participaría Comerma xunto a William Thompson e Siemens.

Fotografía de Andrés Comerma no homenaxe de Ferrol en 1913. Faro de Vigo. 2 de outubro de 1913 

Ademáis foi un grande divulgador. No Diario del Ferrol publicou catro artigos sobre o teléfono, fonógrafo (que tamén foi o pioneiro en Galicia en posuir un), a luz eléctrica e a licuación dos gases, que non se atopan dispoñibles nas hemerotecas. Estes artigos están conservados via "El Diario de Santiago" que os copiaba en datas sucesivas, pero non no caso do telégono

Participación nas primeiras probas en Galicia

Comerma, contrariamente ao que se indica na meirande parte das súas biografías, non faría os seus primeiros experimentos con teléfono traídos de París, senón meses antes, supostamente conseguindo os seus teléfonos via os Sres, Dalmau de Barcelona, xusto despois das primeiras probas en Cataluña. Cabe supoñer que participaría nestas primeiras probas desde Ferrol a Coruña deste artigo: 

A primeira chamada de teléfono en Galicia:

https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/07/1878-primeira-chamada-de-telefono-en.html

O Diario de Santiago recollería una nova orixinada o 15 de xaneiro de 1878, que que adquirira "unha conocida persoa da cidade" uns teléfonos para facer probas na liña telegráfica entre Coruña e Ferrol.

El Diario de Santiago Num. 1644 (17/01/1878)


As primeiras liñas telefónicas de Galicia

Neste ano houbo, segundo a hemeroteca, experiencia por parte de Andres A. Comerma ao conectar a súa casa coa dun veciño, para facer probas, que podería ser a primeira liña de teléfono de Galicia. Non hai excesivas referencias deste caso, pero sí da liña que se construiu entre o arsenal e a capitania de Ferrol, que estaría separados perto dun kilómetro.

Adicionalmente proxectouse en agosto de 1878 conectar mediante unha liña telefónica a oficina militar de Ferrol con vixia de Monte Ventoso, a uns 10km de distancia, aínda que non consta esa construcción.

As probas subacuaticas

En xullo de 1878 dase conta na prensa das probas levadas a cabo no arsenal de Ferrol nas que se utilizaba un teléfono Bell nun buzo baixo a auga. No peirao da Dársena mantiveron unha conversa perfectamente intelixible cun buzo que estaba no fondo do mar, útil para poder comunicar información relevante como o desexo de sair da auga que, ata aquel momento, facíase tirando de cordas.  Non se tratou da primeira proba deste tipo no mundo, xa que foi, xunto ao teléfono no ópera para escoitar desde casa, un dos primeiros casos de uso senlleiros desta nova tecnoloxía, pero sí que foi unha das primeiras probas e foi recollida na prensa.

La Gaceta Industrial, 25 de xuño de 1978.



Para saber máis:

  • Ligeros apuntes sobre la Exposición Universal de París de 1878 por un testigo ocular. Andrés Comerma. El Comercio Gallego 1879. https://biblioteca.galiciana.gal/pt/consulta/registro.do?id=9766
  • Andrés Comerma. O enxeñeiro adiantado ao seu tempo. Real Academia Galega de Ciencias, 2020
  • El Diario de Santiago Num. 1644 de 17 de xaneiro de 1878
  • El diario de Lugo, periódico político y de intereses generales Año III Número 558 de 14 de agosto de 1878
  • La ilustración gallega y asturiana  revista decenal ilustrada Num. 24 de 30 de agosto de 1879
  • La Academia  revista de cultura hispano portuguesa, latino-Americana Tomo IV Número 3 - 23 de xullo de 1878
  • La Gaceta Industrial, 25 de xuño de 1978.



sábado, 23 de abril de 2022

A pegada en Galicia de Emilio Novoa como enxeñeiro (1917-1918)

Emilio Novoa González naceu en Ourense en 1895. Emilio era fillo dun telegrafista, orixinario de Con 18 anos ingresou no Corpo de Telégrafos como alumno da primeira promoción da escola superior de telegrafía en 1913, polo que pode considerarse como parte da primeira promoción de enxeñeiros de telecomunicación en España en 1917, ademais de ser o primeiro doutor. 

Emilio Novoa. Sen datar. 


Antes de adicarse en a docencia en 1924 tivo varios destinos (incluíndo Vigo, Lugo, Ourense e Coruña), comezando a súa vida profesional como membro do corpo de telégrafos con destino en Lugo, (tras unhas poucas semanas como xefe da liña do centro de Madrid) onde estábase a construír en 1917 a rede de telefonía urbana, dependente dese corpo. Desprázase coa súa muller a cidade e pasan a vivir no número 50 da Ronda de Santiago.

El Correo de Galicia : Diario independiente de avisos y noticias: Num. 4911 (30/03/1917)

Consulta nesta publicación a labor de Emilio Novoa na posta en marcha da rede urbana de Lugo:  https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/08/a-chegada-telefonia-urbana-en-lugo-1900.html


El regional : diario de Lugo: Num. 11616 (12/05/1917)


Emilio tiña unha forte vocación divulgativa, polo que acabaría participando como docente de enxeñería de telecomunicacións, polo que acostumaba deixar artigos técnicos en prensa especializada, pero tamén en prensa galega.  Por exemplo, no diario "El Norte de Galicia" de 2 de xuño de 1917, onde co gallo de inauguración da central da detalles técnicos sobre a construción, que dificilmente sería comprensible polo gran público. 

La Voz de Galicia - 11 de agosto de 1917

Así, detalla como a tipoloxía de arame de bronce (de 8 quilogramos por quilómetro) cunha torre (ou templete) dimensionada para 460 abonados deseñada para soportar a tensión dos fíos (peso, vento, etc). Desde a torre baixa una barra de fusibles protectores para descargas de corrente, a través de cables de están recubertos de papel chegan ao cadro da central.


Consulta nesta publicación como Emilio Novoa axudou a construir a rede de telefonía urbana en Ribadeo e a súa conexión coa rede de Lugo: https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/12/telefonia-urbana-en-ribadeo-1915-1917.html


Emilio tivo tempo de participar nalgunha das polémicas intrínsecas ao seu posto. Unha sería derivada da típica negativa dos propietarios a que se instalaran a apoios metálicos ou "palomillas" nos edificios para a condución dos cables. Seguramente por medo a descargas de tormentas.  Outro conflito, xa inherente ao corpo de telégrafos, sería a folga de 1918, da que participaría ata a o punto de asinar un comunicado, xunto a outros colegas, que se publicou na prensa. A estadía de Emilio en Lugo sería breve, xa que 13 meses máis tarde tomaría destino a Valladolid e, dende aí, a Madrid. 



La voz de la verdad : diario católico con censura eclesiástica: Año VIII Número 2679 - 1918 abril 4


Emilio tería oportunidade de volver a Galicia xa como avogado (que cursaría nos anos seguintes) e político. Así foi gobernador civil da provincia da Coruña durante a segunda república e membro do partido radical autónomo galego, xunto a Jose Gurriarán.

Para saber máis:
  • El Correo de Galicia : Diario independiente de avisos y noticias: Num. 4911 (30/03/1917); Num. 5202 (05/04/1918)
  • El Progreso : semanario independiente: Ano XI Número 2200 - 1 de abril de 1917
  • La voz de la verdad : diario católico con censura eclesiástica: Ano VII Número 2421 - 2 de xuño de 1917; Ano VIII Número 2666 - 19 de marzo de 1918; Ano VIII Número 2679 - 14 de abril de 1918;  Año VIII Número 2754 - 15 de xullo de 1918
  • Diario de Galicia: periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general: Num. 2808 (23/08/1917)
  • Gaceta de Galicia : Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela: Num. 80 (05/04/1918)
  • Historia de una profesión. Biografía de Emilio Novoa. Autora: Olga Pérez Sanjuán. COIT. 2021.
  • La Voz de Galicia. 11 de agosto de 1917; 4 de abril de 1918.



luns, 18 de abril de 2022

O cable de teléfono como antena para espionaxe na I Guerra Mundial

O diario coruñés "El Ideal Gallego" saíu á rúa por primeira vez o 1 de abril de 1917 da man do sacerdote D. Jose Toubes Pego. O 3 de maio de 1918 Jose Toubes recibe a visita na casa onde reside, na rúa San Andrés 29 2º da Coruña, do inspector de telégrafos da cidade da Coruña e dous alguacís, cun mandato xudicial, tras recibiren unha denuncia anónima no corpo de telégrafos.

D. Jose Toubes Pego. Sen datar

Alguén tiña denunciado que existía nesa vivenda unha estación radiotelegráfica clandestina que nesa casa estaban entrando alemáns e outras persoas con asiduidade. Compre recordar que estamos na época da Gran Guerra con espías e informadores. Alí estaba esa radio, lista para escoitar o parte informativo da noite desde Nauen e cuns teletipos datados procedentes da Torre Eiffel que foron recollidos e levados ao xuíz. 

Nova no diario El Orzán do 5 de maio de 1918


A emisión era nunha banda moi baixa, polo que requiría unha antena longa. Para pasar desapercibidos, Jose Toubes utilizou como antena o cable telefónico que tiña entre a sede de El Ideal Gallego (no Canton Grande 22) e este domicilio.  Utilizaba un conmutador na sede do Ideal Gallego para desligar esa liña da central e así contar cun longo fío de ferro galvanizado que ía ata á caixa da estación radiotelegráfica.

Viñeta publicada en El Ideal Gallego. 6 de maio de 1918


O empregado da corpo de telégrafos Aurelio Bourgeal Uztariz foi o responsable de retirar o cable. Unha señora de idade avanzada, que é a dona da vivenda, aparentemente fixo desaparecer a caixa que contiña a estación receptora escapando polo edificio, mentras era reprendida polo capataz de Telégrafos Jose Bello Paredes.

Ás nove da noite o xuíz D. Jose Morandeira, xunto ao secretario D. Antonio Troche, o auxiliar Jose Diz  e o alguacil D. Adolfo Ceballos, acompañados do catedrático Sr. Brañas e o xefe do corpo de telégrafos D. Augusto Alcázar van visitar á casa, pero non atopan a estación radiotelegráfica. Nesta visita estaban presentes tanto o Sr. Toubes como outros habitantes da casa, tamén sacerdotes.

Nova no diario El Orzán do 6 de maio de 1918


El Ideal Gallego que nun primeiro momento tenta negar a existencia de dita estación telegráfica pasa, nas datas seguintes, a intentar xustificar o seu uso e a alegar que non é ilegal.  Inclúe declaracións sarcásticas de Jose Toubes e un escrito de I. Ackermann, alemán residente de Coruña sospeitoso de ser un dos espías alemáns segundo apunto o xornal El Noroeste, que indica que leva tempo sen acudir á vivenda investigada e que adoptou unha postura neutral no conflito bélico.

Portada de El Ideal Gallego do 6 de maio de 1918, desacreditando a noticia publicada en El Noroeste.

Queda pendente localizar exemplares de El Noroeste destas datas, xa que resultou ser o verdadeiro azote do Ideal neste caso, pero non están conservados nas hemerotecas.


Para saber máis:

  • El Ideal gallego : diario católico, regionalista e independiente: Num. 388 (04/05/1918), Num. 389 (05/05/1918), Num. 390 (06/05/1918), Num. 391 (07/05/1918), Num. 392 (08/05/1918),
  • El Orzán : diario independiente: Año I Número 93 - 5 de maio de 1918 ; Número 94 - 6 de maio de 1918 
  • El Progreso : semanario independiente: Ano XII Número 2642 - 5 de maio de 1918
  • La Voz de Galicia: 5 de maio de 1918
  • Gaceta de Galicia  Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 105 (04/05/1918)

mércores, 13 de abril de 2022

Intrusismo na guía telefónica de Vigo (1916)

A guía telefónica publicada pola Compañía Peninsular de Teléfonos de 1916 introduciu o problema do intrusismo profesional en Galicia.  Manuel Filgueira, un dos odontólogos da cidade de Vigo fai referencia na prensa, o 5 de maio de 1918, a que aprecen supostos dentistas na guía telefónica da cidade que non son tales, ao carecer de título de odontología. Maniel refírese a esta entrada do listín telefónico:

Anuario telefónico da Compañía Peninsular de Teléfonos. Ano 1916

Manuel queixase de que se lle ve exercer desde a rúa a pesar dunha Real Orde que existe dispoñer do título de odontólogo para poder exercer a profesión. Ademais indica que hai algún caso adicional en Vigo (Isidro Pazos, con título obtido en Portugal pero non valido en España), Pontevedra (un irmán de D.S Kuper) e Ponteareas. 

D.S. Kuper ven de Simeón Kuper, xudeu nado en Kamianets-Podilskyi (Ucraína) en 1879, que chegou a Vigo en 1907 e montou unha clínica dental que semella que foi das primeiras de España en contar con aparatos de radioloxía. A certa controversia sobre o seu nome xa que aparece como  Schloimo Mendelewitch, Liloimo Mendelecrek ou incluso Victorino. A familia, de ideoloxía socialdemócrata, foi detida do alzamento de 1936 e lograron marchar a Rusia en 1939. Parte deles exercerían tamén de odontólogos, suscitando certa controversia con outros profesionais. 



Simeón défendese dos ataques comentando que estudara nas universidades de Kiev e de Xenebra. Argumentos similares utilizan os seus familiares que exercen a mesma profesión. En diferentes periodos conseguen a aprobación por parte do Ministerio da Instrucción Pública, debendo constar como dentistas autorizados e non como odontólogos.

Boletín Oficial del Colegio Provincial de Médicos de Pontevedra: Época 2ª Año III Número 28 - 1 de novembro de 1926



Para saber máis:



venres, 8 de abril de 2022

As retransmisión de concertos por teléfono no século XIX

A Coruña e Vigo acollen transmisións por teléfono de concertos celebrados en lugares públicos, que se transmiten por teléfono para poder escoitalos desde casa

A Coruña en 1890

Mariano Martín Villoslada, director da concesión de telefonía da cidade da Coruña e un dos principais innovadores tecnolóxicos, decide poñer un terminal telefónica (un micrófono) no quiosco da música dos xardíns de Méndez Núñez, para retransmitir as actuación diarias do Orfeón Coruñés número 4, dirixidas por Pascual Veiga.  Trátase do mesmo palco que se conserva na actualidade.

Palco da música de Méndez Núñez. Postal sen datar.


Estas veladas tiñan moito recoñecemento na época, xa que o Orfeón viña de gañar a medalla de ouro na Exposición Universal de París. A mención á retransmisión dos concertos aparece por primeira vez o 12 de agosto de 1890. 

Curiosamente, non podería conectar a todos os usuarios á vez, polo que Mariano asignaría por rangos de 25 números. Así, nun día de trasmisión, só os números comprendidos entre o 76 e 100 poderían escoitar o concerto. O concesionario informa que durante a transmisión eses usuarios non poderán realizar chamadas. 

Faro de Vigo. 14 de agosto de 1890


Vigo en 1891

A primeira retransmisión de música en Vigo sería o 19 de abril de 1891, no quiosco de música da Alameda de Vigo, que se retiraría en 1929.  Actuaba  a Banda de Música do Rexemento de Infantería Murcia nº 37, que nese momento dirixía Martín Fayés. A interpretación sería escoitada nas oficina de Faro de Vigo, que o recollerían como nova no seu xornal.

Palco da música da Alameda de Vigo. Sen datar.


Para saber máis:

  • La Voz de Galicia: 12 de agostos de 1890
  • Faro de Vigo. 14 de agosto de 1890; 21 de abril de 1891
  • La Monarquía : diario político: Ano V Número 1106 - 14 de agosto de 1890
  • Diario de avisos de La Coruña: Ano XIX Número 9870 - 15 de agosto de 1890


domingo, 3 de abril de 2022

A comunicación por heliógrafos en Galicia

O heliógrafo é un aparato para facer sinais, típicamente en código Morse, baseado en facer unha reflexión solar sobre un espello móbil para que cheguen as sinais ao outro extremo. Típicamente utilizados por militares na era previa a radiotelefonía. No caso de España consta a súa utilización na guerra de Cuba en 1896-1898 e nos conflictos no norte de Africa dos primeiros ano do século XX.

Dependente da existencia de luz solar e que non houbera néboa tiña tamén a limitación de que delataba a presenza militar ao bando rival. Nesta publicación imos comentar os casos de uso que se deron en Galicia.

Ensaios entre Valença e Tui

A prensa recolle os ensaios realizados polo exército portugués i español o 25 de outubro de 1887 con heliógrafos Martins, entre o Monte de San Xulián (monte Aloia) e o baluarte do Carmo, na fortaleza de Valença do Minho, nas proximidades da actual Pousada. As probas foran un éxito a pesares da existencias de néboas e da distancia de 8 qm.  A prensa detalla que asistiu tamén numeroso público e que estaban previstas novas probas a maior distancia.

Cabe pensar que foi unha iniciativa do exército portugués, xa que o heliógrafo era unha recente (1884) innovación aportada polo militar Manuel (ou Manoel) Martins, instructor do servizo telegráfico na Direção de Telegraphos de Portugal. Consistia nun espello cadrado e outro circular. O éxito do dispositivo permitiu crear unha rede de telegrafía militar deste tipo que cubría boa parte de Portugal

Instruccçoes Praticas Elemnetares.. Telegraphia optica e acustica. Manuel Martins 1898.

A instalación de Ons e o Grove

En marzo de 1904 recolle a prensa a instalación por parte do exército dun heliógrafo para a comunicación entre a Illa de Ons e O Grove, que estaría situado no extremo norte da illa e na zona militar nas proximidades de San Vicente do Mar. Situaríanse en cada estación un cabo e catro soldados para operar o servizo. 

O uso civil por parte de Rafael Areses en Tui

Tui volve novamente a actualidade grazas a outro heliógrafo. Sería neste caso Rafael Areses, lenda actual da cidade de Tui, que tiña o posto de enxeñeiro xefe do servizo forestal da provincia e que traballou no repoboamento dos montes da contorna, incluído o monte Aloia (sede das primeiras probas do heliógrafo en 1887), Trega e outros montes de Oia. En 1912 anuncia o ser interese en instalar heliógrafos para favorecer a comunicación entre o persoal das estacións do Aloia, Trega (chamado Castro), Tui centro e o viveiro forestal de Areas, así como a instalación dun teléfono na casa do garda forestal do Aloia ata a cidade, que non tiña todavía teléfono urbano. 

Vida Gallega. 10 de setembro de 1917

Non quedara constancia da instalación ata un reportaxe de Vida Gallega en 1917, con fotografía do mesmo e a comunicación establecida desde o alto do monte Aloia, por parte do garda Sr. Solleiro, coa casa forestal de Oia, a unha distancia de 18 km co garda Mariño, onde a reportaxe inclue algunha curiosidade na comunicación:

Vida Gallega. 10 de setembro de 1917

Os "boy-scouts" de Pontevedra

A prensa recolle as actividades do grupo de scouts de Pontevedra onde en diferentes excursións e actividades no periodo comprendido entre 1914 e 1917 utilizar heliógrafos construidos por voluntarios para facer probas de campo entre diferentes grupos. O feito de que coñeceran o código Morse fixo que o xefe de telégrafos de Pontecaldelas participara nunha desas actividades:

La Correspondencia Gallega diario de Pontevedra Ano XXVI Número 7471 - 10 novembro 1914 


O heliógrafo de Blanco Novo

Jose Blanco Novo (Ferrol, 1891) foi un militar galego que inventou un heliógrafo para ser utilizado militarmente en Melilla polo Batallón de Cazadores de Segorbe nº 12 en 1915, sendo construido por D. Francisco Azarola, que complementaba a un aparato de sinais nocturnas inventado por este último.  Jose, que chegaría a ser un xeral de brigada da Guarda Civil, pasa por ser considerado o primeiro radioafeccionado galego así como o fundador do corpo de transmisións da Garda Civil. 

Jose Blanco Novo. Sen datar. Wikipedia



 Para saber máis:

  • Diario de avisos de La Coruña Ano XVI Número 8878 - 2 de novembro de 1887
  • Crónica de Pontevedra  diario político. Ano II Número 444 - 31 outubro 1887
  • El áncora  diario católico de Pontevedra Num. 1942 (12/03/1904)
  • La Correspondencia Gallega  diario de Pontevedra Ano XVI Número 4236 - 12 marzo 1904; Ano XXIV Número 6563 - 18 xaneiro 1912; Ano XXVI Número 7471 - 10 novembro 1914; Ano XXVIII Número 7918 - 14 febreiro 1916
  • Gaceta de Galicia  Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 54 (13/03/1904); Num. 15 (20/01/1912)
  • El regional  diario de Lugo Num. 7216 (14/03/1904)
  • El Progreso  semanario independiente Ano VI Número 602 - 16 de xaneiro de 1912; Ano VIII Número 1329 - 25 de abril de 1914
  • Noticiero de Vigo  diario independiente de la mañana Ano XXVII Número 11106 - 18 de xaneiro de 1912
  • Diario de Galicia periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general Num. 939 (20/01/1912)
  • El norte de Galicia  diario político y de información Num. 3352 (26/01/1912)
  • El Correo gallego  diario político de la mañana Ano XXXVIII Número 12291 - 28 de marzo de 1915
  • Galicia nueva periódico regional, primer diario de Villagarcía Ano XI Número 4218 - 4 de marzo de 1917
  • Vida gallega  ilustración regional Ano IX Volume VI Número 92 - 10 de setembro de 1917

O mindoniense Cándido Martínez na reclamación salarial dos telegrafistas de 1880

 Candido Martínez Montenegro foi un deputado liberal durante tres décadas por Mondoñedo (Lugo), que nos ano 1881 - 1883 sería director de Co...