luns, 4 de setembro de 2023

Unha biografía de Mariano Martín Villoslada

Mariano Martín Villoslada é a figura máis destacada e senlleira do primeiros cincuenta anos da telefonía en Galicia, co permiso de Andrés Comerma, que fixo as primeiras probas en Ferrol xa en 1878. Mariano estivo activo en Galicia desde a chegada da primeira rede urbana en 1888 ata a súa xubilación en 1924, co rol de concesionario e director técnico das principais redes urbanas, mentres que coexistía coa súa actividade como oficial de telégrafos. Un boa parte das innovacións, proxectos singulares e incluso conflitos con terceiros desta era están relacionados coa súa figura.

Mariano Martín Villoslada. Fotografía facilitada por un familiar.


1859 (13 novembro) - Nacemento en Segovia, con moita probabilidade en Ciruelos de Coca, onde volvería en ocasións e onde tería postos de relevancia na administración

1882 (28 decembro) - Entra no corpo de Telégrafos 

1883 (15 de marzo) Examínase na "Escuela de aplicación" para chegar a ser "aspirante segundo" onde obtén a mellor nota.  O tribunal estivo formado por Jose Batllé, Fidel Gomayo e os instrutores Valero, Prieto, Ansó e Ferrer.

Revista de Telégrafos - número 089. 1883.

1883 Destinado ao corpo de telégrafos en Valladolid

1886 Ascendido a escribente de planta e destinado a sede central da dirección xeral, no negociado sétimo.

1888 (Agosto) Chega a Coruña como director da rede telefónica urbana de Coruña, que se acababa de adxudicar. Obtén tamén o troco de destino no corpo de telégrafos, pasando a estar asignado na Coruña. O proceso de adxudicación da rede a Coruña aparece recollido nesta publicación


1889 Aparece recollida na prensa a aprobación dun ano de excedencia no corpo de telégrafos, situación que renovaría ata 1892.

1889 Nos primeiro ano da telefonía da Coruña a prensa recolle varias vantaxes do servizo (avisos de fogos, chamadas de urxencia a médicos, etc) pero aparecen os primeiros accidentes por tropezar con cables ou recibir descargas eléctricas, así como diversos conflitos pola localización de apoios de telefonía  en vivendas particulares ou estes máis senlleiros:

1889 Ao marxe dos proxectos de telefonía, Mariano gaña o concurso expediente da contratación de obras de provisións materiais para a conservación do firme da estrada de 1ª orde Madrid-A Coruña.

1890 Unha das innovacións máis peculiares de Mariano e facer os primeiros concertos en "streaming" desde o palco de música do Paseo de Méndez Núñez. Durante varios días o Orfeón Coruñés IV de Pascual Veiga actuará alí e, por grupos de 25 en 25 subscritores cada día, poden escoitar o mesmo a través do teléfono da casa. 

Máis info: https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/04/as-retransmision-de-concertos-por.html

1891 Obtén a concesión para o aluguer de cadeiras nos Cantóns de Coruña para o período de 1892 a 1894. En 1895 aparece o acordo municipal de devolución da fianza tras finalizar a prestación do servizo.

1892 Tras varios anos, reincorpórase ao corpo de telégrafos. Neste ano participa no proxecto para unir por telefono Arzúa, Negreira i Ordes con Santiago, que foi fonte de varios problemas de mantemento das liñas nos anos seguintes

1894 Publica o libro "La electricidad práctica" xunto a Jose Amado Ibáñez, telégrafo na Coruña, onde adica un capítulo á telefónica incluíndo algunhas innovacións como o seu sistema de apoio nos faiados e o conmutador relé para evitar descargas eléctricas en caso de tormenta. O libro aparece mencionado no Journal Telegraphique de xuño de 1896.  O libro está dispoñible en formato dixital na Biblioteca Nacional. 

Máis info: https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/05/o-pararraios-de-mariano-martin.html


1894 Fai unha demostración do fonógrafo na praza do Toural en Santiago de Compostela, do que era copropietario co Sr. Estrader, e que previamente xa mostraran nos Cantóns de Coruña i en Ferrol.

1895. Proxecto de conexión telefónica dos castelos de Ferrol coa cidade. Proxecto de rede telefónica a Arteixo e Laracha.

1896 Invento de pararraios exposto en Exposición Rexional de Lugo, onde obtén unha medalla de cobre na sección de ciencias.

Conmutador pararraios recollido no libro "Telefónica Práctica"


1901 Volven aparecer varias mencións a actividades no corpo de telégrafos. Este ano asume o rol de xefe interino e reparacións de A Coruña, sendo oficial terceiro, posto no que cesa ao ano seguinte.

1905 Pasa a ser xefe de reparacións interino do corpo de telégrafos, destinado a Lugo. Obtén o ascenso a  a oficial segundo e consegue o traslado á cidade da Coruña

1907 Pasa a estar destinado a Benavente.

1908 Volve a Lugo como xefe de reparacións e, posteriormente, sería xefe de reparacións en Pontevedra, pasado a posteriori a Coruña. Participa nun proxecto para ter un novo circuíto entre Santiago e Coruña

1908 Mariano aparece mencionado no proxecto de telefonía coa illa de A Toxa, que xa tivera proxectos desde 1894, que consegue conectar o servizo en 1910.

1909 (ou antes): Figura como concesionario da rede urbana de Santiago de Compostela, quedando dúbidas cando asumiu esta responsabilidades. Participa no proxecto de levar telefonía á Exposición de 1909 de Santiago.

1909 Obtén a concesión da rede telefónica de Vigo co médico da Pobra do Caramiñal, D. Senén Calleja, casado coa irmá de Mariano. Consegue a excedencia do corpo de telégrafos para ocuparse desta nova concesión. 

1910 Elabora un plan de reforma da rede de Vigo para conseguir crecer o número de usuarios. A reforma mais significativa sería a utilización de cables multi-par con recubrimento, que permite reducir o número de cables que saen da central de maneira drástica, reducindo o número de incidencias.

1910 Fai o proxecto técnico da rede urbana de Pontevedra para Manuel Corbal, que se inaugura este ano.

1910 Pasa a ser oficial primeiro do Corpo de Telégrafos.

1911 Realiza un plan extensión da rede urbana de Vigo a Redondela, que fracasa pola baixa adopción dos usuarios desa vila.

1911 Intenta impulsar a rede interurbana entre as cidades de Galicia.

Máis info: https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/12/os-atrasos-da-compania-peninsular-en.html

1911 O corpo de Telégrafos acepta o seu traslado a Vigo. 

1914 Conflito coa compañía de tranvía de Martín Echegaray en Vigo pola localización dos postes

Máis info: https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/10/vigo-1913-1914-os-fios-do-telefono.html

1914 É destinado por telégrafos a Melilla para a construcción da rede telefónica urbana desa cidade. 

1914 Vende de concesión de Vigo a Compañía Peninsular de Teléfonos.

1915 Obtén o traslado a Madrid ao negociado sétimo dos inspectores das oficinas centrais do corpo.

1916 Aparece unha mención na prensa como concesionario da rede de telefonía urbana de Vilagarcía. 

1923 Publica o libro "Telefonía Práctica" que é declarada obra de especial interese para o exército.

Máis info: https://historiatelefonia.com/2023/07/25/1923-telefonia-practica-mariano-martin-y-villoslada/

1924 (2 de decembro) Obtén a xubilación do corpo de telégrafos como xefe de sección

Publicación das clases pasivas. Gaceta de Madrid núm.24 de 24 de xaneiro de 1925.


1949 (6 de marzo) Pasamento de Mariano


Para saber máis:

  • Crónica de Pontevedra : diario político.: Ano III Número 682 - 23 agosto 1888; Ano III Número 730 - 19 outubro 1888
  • El regional : diario de Lugo: Num. 1439 (24/08/1888); Num. 4279 (23/05/1894); Num. 4947 (11/10/1896)
  • Boletín oficial de la provincia de La Coruña: Número 273 - 1889 xuño 1
  • Diario de avisos de La Coruña: Ano XVIII Número 9502 - 1889 xullo 29
  • Faro de Vigo de 14 de agosto de 1890
  • La Voz de Galicia: 30 de xaneiro de 1889; 2 de febreiro de 1889; 17 de decembro de 1889; 30 de decembro de 1891; 21 de febreiro de 1892; 1 de decembro de 1892; 6 de decembro de 1892; 30 de agosto de 1894; 16 de setembro de 1894; 9 de outubro de 1896; 28 de febreiro de 1898; 27 de marzo de 1903; 18 de xuño de 1908; 12 de xullo de 1911; 16 de novembro de 1911; 30 de novembro de 1924.
  • La Monarquía : diario político: Ano V Número 1106 - 14 de agosto de 1890; Ano IX Número 2361 - 13 de xullo de 1894; Ano X Número 1125 - 15 de xaneiro de 1895
  • Revista de telégrafos: Número 089 de 1883; Número 090 de 1883; Número 146 de 1886; Número 149 de 1886; Número 193 de 1888; Número 193 de 1888;  Número 205 de 1889; Número 293 de 1892
  • Gaceta de Galicia : Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela: Num. 39 (18/02/1892); Num. 107 (18/05/1894); Num. 108 (19/05/1894); Num. 152 (21/07/1894); Num. 152 (21/07/1894)
  • El Anunciador : diario de La Coruña y de Galicia: Num. 12898 (01/12/1892)
  • Jornal Telegraphique de xuño de 1896
  • Gaceta de Madrid núm. 337, de 2 de decembro de 1924; núm.24 de 24 de xaneiro de 1925.
  • El Eco de Santiago  diario independiente Año XXVIII Número 13140 - 1 de decembro de 1924 
  • La voz de la verdad  diario católico con censura eclesiástica Num. 950 (30/09/1913); Ano XIII Número 4365 - 20 de outubro de 1923
  • Galicia nueva  periódico regional, primer diario de Villagarcía Ano I Número 180 - 18 de outubro de 1907; Ano X Número 4140 - 10 de decembro de 1916; Ano XV Número 5520 - 17 de decembro de 1921
  • El lucense : diario católico de la tarde: Num. 2859 (10/05/1894)
  • El Correo gallego : diario político de la mañana: Ano XVII Número 4733 - 13 de xuño de 1894; Ano XIX Número 6274 - 9 de outubro de 1896; Ano XXXI Número 10072 - 30 de maio de 1908; Ano XXXI Número 10104 - 27 de xuño de 1908
  • El diario de Galicia : periódico católico e independiente: Ano IV Número 1004 - 2 de setembro de 1894; Ano V Número 1114 - 12 de xaneiro de 1895; Ano V Número 1280 - 1 de agosto de 1895; Ano V Número 1310 - 6 de setembro de 1895; Ano VII Número 1977 - 21 de novembro de 1897; 
  • Boletín bibliográfico de la librería gallega: Ano I Número 1 - 1895 xaneiro
  • Revista gallega : semanario de literatura e intereses regionales: Ano II Número 82 - 27 de setembro de 1896; Ano II Número 84 - 11 de outubro de 1896
  • Catálogo general de expositores y premios adjudicados, resultado de los juegos florales y certámenes musicales
  • La Correspondencia Gallega : diario de Pontevedra: Ano XX Número 5458 - 21 abril 1908;  Ano XX Número 5656 - 21 decembro 1908; Ano XXIII Número 6412 - 12 xullo 1911
  • El Diario de Pontevedra : periódico liberal: Ano XXV Número 7229 - 27 de maio de 1908; Ano XXVIII Número 8106 - 18 de maio de 1911
  • Galicia : revista quincenal ilustrada: Ano III Número 11 - 1908 xuño 1
  • El norte de Galicia : diario político y de información: Num. 2528 (11/06/1909); Num. 3293 (15/11/1911)
  • El Progreso : semanario independiente: Ano IV Número 157 - 9 de xaneiro de 1910
  • Diario de Galicia: periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general: Num. 736 (14/05/1911); Num. 2110 (17/09/1915)
  • El Correo de Galicia : Diario independiente de avisos y noticias: Num. s.n. (16/05/1911)
  • Noticiero de Vigo : diario independiente de la mañana: Ano XXVI Número 10970 - 11 de  xullo de 1911; Ano XXVII Número 11317 - 31 de agosto de 1912; Ano XXVIII Número 11516 - 5 de setembro de 1913; Ano XXVIII Número 11574 - 12 de novembro de 1913, Ano XXVIII Número 11580 - 19 de novembro de 1913; Ano XXIX Número 11619 - 16 de xaneiro de 1914; Ano XXIX Número 11621 - 18 de xaneiro de 1914; Ano XXIX Número 11674 - 22 de marzo de 1914; Ano XXIX Número 11681 - 31 de marzo de 1914
  • La Región : diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos: Ano II Número 431 - 14 de xullo de 1911; Ano II Número 535 - 16 de novembro de 1911
  • El Noroeste: Ano IX Número 3376 - 6 de abril de 1904; Ano IX Número 3440 - 19 de xuño de 1904; Ano XII Número 4436 - 14 de setembro de 1907; Ano XII Número 4466 - 19 de outubro de 1907, Ano XIII Número 4620 - 17 de abril de 1908; Ano XIII Número 4830 - 20 de decembro de 1908; Ano XIV Número 5007 - 15 de xullo de 1909; Ano XVI Número 5640 - 10 de maio de 1911; Ano XX Número 9480 - 8 de xullo de 1915
  • El Eco de Santiago : diario independiente: Ano X Número 3092 - 10 de febreiro de 1905; Ano XI Número 3685 - 27 de decembro de 1906; Ano XII Número 3590 - 18 de outubro de 1907; Ano XIV Número 8576 - 7 de  xuño de 1909; Ano XIX Número 6477 - 5 de xaneiro de 1914; Ano XIX Número 6511 - 13 de febreiro de 1914

mércores, 30 de agosto de 2023

A incautación por parte da Compañía Telefónica Nacional de España (1924)

As redes en Galicia en 1924 estaban formadas por varios tipos, tanto as urbanas como as interurbanas. No caso das urbanas estarían en manos ben de Correos e Telegrafos (Lugo, Tui, etc), da Compañía Peninsular (Vigo, Monforte, Betanzos) ou en manos privadas (Coruña, Santiago, etc.) O acordo de adxudicación xa recoñecía que as redes urbanas públicas pasaran á nova compañía, así como ás dependentes da compañía Peninsular. As redes urbanas privadas quedarían pendentes dunha negociación individualizada que, no caso de Galicia, pecharíase en 1928.

Redes urbanas existentes na data de adxudicación á C.T.N.E. Producción propia.


No caso das redes interurbanas, tiñamos as dependentes da Compañía Peninsular, que se limitaban a conectar as principais cidades incluíndo Tui, Vilagarcía, Monforte e Betanzos, que pasarían a ser titularidade da nova compañía. En paralelo existían algunhas redes públicas, ben pertencentes a Correos e Telégrafos (como no caso da liña que conectaba Ribadeo, Mondoñedo, Vilalba e Viveiro), como as xestionadas tamén por Correos e Telégrafos pero financiadas por proxectos provincias, como sería o caso da rede do Morrazo ou o enlace Caldas - Cuntis. Estas redes non estaban conectadas á rede da Compañía Peninsular, co que tiñan limitada a súa utilidade ás chamadas entre esas vilas e o envío de teléfonemas pola rede pública. 

A primeira nova sobre a chegada dun proxecto de compañía telefónica de ámbito estatal sería a finais de maio de 1923 pola prensa chegada de Madrid e copiada pola local. Adxudicada en maio de 1924, o 1 de novembro de 1924 prodúcese a incautación legal das estacións dependentes de Correos e Telégrafos. Dous meses antes xa se fixera con aquelas dependentes da Compañía Peninsular, incluíndo todos os materiais pertencentes a elas. Quedarían unicamente pendentes as redes urbanas en mans privadas. 

A nova compañía ten un prazo de dez anos para deixar de prestar o servizo de telefonemas, que quedará da man de Telégrafos, na forma de telegramas. Xa neste ano teñen a obriga de equiparar os custes, que ata agora eran máis baixos no caso dos telefonemas. Pasan a ser de dez centimos por palabra e trinta no caso dos urxentes, homológanse as tarifas telefónicas en todos os centros:

El Ideal gallego diario católico, regionalista e independiente Num. 2167 (16/12/1924)


Outro compromiso sería a automatización das centrais de Vigo e Coruña e soterramento de cables, nun prazo de cinco anos desde a incautación de servizo, que no caso de Vigo se produciría de xeito inmediato en setembro de 1924 ao ser propiedade da Compañía Peninsular. Así, a mediados de 1929, inauguraríase a central automática de Vigo, sendo a primeira de Galicia, e sería a primeira en soterrar tamén os principais cables do centro, obras recollidas en arquivos fotográficos. 

Outros compromisos da adxudicación son un par de cobre entre Galicia e Portugal, que se faría en 1929, e un circuito adicional entre Vigo e Betanzos. Posteriormente a compañía presenta os plans para Galicia á prensa, que incluen circuitos adicionais con Asturias e novas centrais nas cabeceiras de distrito, que serán permanentes. Os xefes de Vigo e Coruña (Cambán e Juan José Caimary Sierra) son ascendidos a directores de rede.


Primeiros trocos na provincia de Lugo

O 12 de setembro de 1924 chega a nova da nova Compañía Teléfonica á estación telefónica interurbana onde notifican que desde o 1 dese mes o persoal pasa a formar parte da empresa. 

O traspaso á nova compañía sería interesante para a liña norte, que conectaba Lugo con Viveiro e Ribadeo via Vilalba e Mondoñedo. A idea sería conectalo a rede interurbana, para dar a posibilidade de chamar por teléfono desde as catro poboacións ao resto da rede, que se produciría o 15 de novembro de 1924.  O xefe de Lugo da nova compañía, o Sr. Mariano A. Fuentes Zaldivar, acompañado do Sr. Prim, visitan as poboacións para notificar o novo titular da liña y explorar como separar o servizo de Correos e Telégrafos, mediante o aluguer doutras dependencias. Así, ao non existir outras concesións na provincia, todo o servizo telefónico estaría xestionado pola C.T.N.E. en 1924. 

Contratarían novas telefonistas en Lugo, que aparecerían mencionadas na prensa. Consuelo Santín, MAría Belló, María Fernández e Isabel Rio Barja para a central interurbana de Lugo e Dolores Díaz, Carmen Vallujera, Antonia Alcázar, Celia Rico e Eloisa Horas para a urbana. 


O proceso de incautación do servizo na provincia de Pontevedra

Pasaría a ser propiedade da nova compañía as estación interurbanas de Vigo, Pontevedra, Tui e Vilagarcía, así coma a rede urbana de Vigo que era da Compañía Peninsular desde 1914. D. Victoriano Blanco Gallego, procedente do interurbano de Llanes acudiría a tomar posesión da estación de Pontevedra. 

O 16 de novembro de 1924 estaría en Pontevedra o enxeñeiro da Compañía Telefónica Nacional de España D. Ángel G. Arguero para tratar co presidente da deputación, o Sr. De la Sota, a compra das centrais da rede telefónica provincial (O Morrazo, Caldas, Cuntis, Redondela, Porriño e Ponteareas), asumindo o persoal feminino. O 14 de novembro de 1924 saiu unha entrevista no Faro de Vigo con Sr. Argueso onde detallou o proceso de incautación das centrais urbanas de Tui e Ponteareas e os plans de futuro coa central automática de Vigo.

O proceso finalizaría con vencimento da concesión da rede urbana de Vilagarcía e a compra dos dereitos das concesión de Manuel Corbal en Pontevedra (e tamén en Ourense), ambos en 1927.


O atrasos en asumir os servizos telefónicos na provincia da Coruña

Juan. J. Caimary Sierra, xefe da interurbana de Coruña desde a súa apertura en 1914, é nomeado xefe de sección da nova compañía como responsable de construcción da rede, mantendo a residencia na Coruña. Sería o 10 de setembro de 1924, só uns días tras a incautación do servicio na capital da provincia. A C.T.N.E.  tería que esperar ata 1928, no vencimento da concesión de Jose María Rivera, para poder asumir todo o servizo na cidade

A nova da incautación chegaría á estación interurbana de Santiago o 14 de setembro de 1924. A concesión urbana vencería en 1927, cando sería asumida pola nova compañía.

Similar sería o caso de Ferrol, onde a concesión urbana perdudaría ata 1927. No caso da estación interurbana, aparece mencionada na prensa a incorporación coma novas telefonistas de Carmen Iglesias, Ángeles Vidal, Alvariño, Antonia María, Antonia Beceiro e Luz Fernández Bastida.


Para saber máis:

  • La voz de la verdad  diario católico con censura eclesiástica Ano XIV Número 4643 - 12 de setembro de 1924; Ano XIV Número 4694 - 11 de novembro de 1924;  Ano XIV Número 4695 - 12 de novembro de 1924;  Ano XIV Número 4699 - 16 de novembro de 1924; Ano XIV Número 4700 - 18 de novembro de 1924; Ano XIV Número 4723 - 14 de decembro de 1924
  • La Voz de Galicia: 11 de setembro de 1924; 1 de novembro de 1924; 18 de novembro de 1924; 19 de novembro de 1924; 19 de decembro de 1924
  • El regional diario de Lugo Num. 14268 (23/09/1924); Num. 14311 (12/11/1924); Num. 14318 (19/11/1924)
  • El Orzán  diario independiente Ano VII Número 1977 - 11 de setembro de 1924; Ano VII Número 2031 - 13 de novembro de 1924; Ano VII Número 2034 - 16 de novembro de 1924; Ano VII Número 2061 - 18 de decembro de 1924; 
  • El Eco de Santiago  diario independiente Ano XXVIII Número 13062 - 30 de agosto de 1924; Ano XXVIII Número 13075 - 15 de setembro de 1924; Ano XXVIII Número 13129 - 18 de novembro de 1924
  • El Progreso  diario liberal Ano XVII Número 5152 - 11 de setembro de 1924; Ano XVII Número 5159 - 19 de setembro de 1924;Ano XVII Número 5203 - 6 de novembro de 1924; Ano XVII Número 5213 - 18 de novembro de 1924
  • El Correo gallego  diario político de la mañana Ano XLVII Número 16574 - 5 de novembro de 1924; Ano XLVII Número 16586 - 19 de novembro de 1924;  Ano XLVII Número 51669 - 11 de decembro de 1924
  • El Ideal gallego  diario católico, regionalista e independiente Num. 2150 (26/11/1924); Num. 2167 (16/12/1924)
  • El pueblo gallego  rotativo de la mañana Ano I Número 202 - 20 de setembro de 1924; Ano I Número 242 - 5 de novembro de 1924; Ano I Número 251 - 15 de novembro de1924
  • El Progreso  semanario independiente Ano XVIII Número 5534 - 6 de novembro de 1924; Ano XVIII Número 5568 - 16 de decembro de 1924
  • Galicia nueva  periódico regional, primer diario de Villagarcía Ano XVIII Número 6377 - 6 de novembro de 1924
  • El regional  diario de Lugo Num. 14314 (15/11/1924)
  • El Compostelano  diario independiente Ano V Número 1363 - 11 de setembro de 1924
  • Faro de Vigo: 14 de novembro de 1924; 9 de decembro de 1924
  • El Diario de Pontevedra  periódico liberal Ano XLI Número 11930 - 25 de setembro de 1924; Ano XLI Número 11973 - 14 de novembro de 1924
  • Galicia diario de Vigo Número 597 - 29 agosto 1924
  • Galicia nueva  periódico regional, primer diario de Villagarcía Ano XVIII Número 6388 - 19 de novembro de 1924

venres, 25 de agosto de 2023

Os novos propietarios da rede urbana de Vigo (1900 - 1924)

A primeira venda (1900-1901)

En outubro de 1900 especúlase con traspaso da central telefónica de Vigo a un novo concesionario, que a prensa define como un xove e activo comerciante da cidade, sen aclarar a identidade. Esto non sería así, xa que a titularidade pasaría ao Banco de Vigo en febreiro de 1901 tras unha adquisición por 30.000 pesetas.

Os conselleiros do banco, os Sres. Santos e Nandín, serían os encargados de avaliar a situación da concesión, onde deciden manter ao director da rede, o Sr. Rafael Vargas Machuca, así como algunhas adquisicións tecnolóxicas, coma é o caso do varios micrófonos. En marzo de 1901 Vargas faría unha vixe para adquirir novo equipamento, incluindo dous novos cadros para conectar máis abonados ao servizo. Esta inversión leva a solicitar a prorroga da concesión de 1889, que vencería en 1909, para ter tempo suficiente para amortizar o novo equipamento. Esta prórroga foi rexeitada.


Nova poxa en 1909 e a chegada de Mariano M. Villoslada.

A Gaceta de Madrid publica a subasta por 15 anos da concesión da rede telefónica da cidade a celebrar o 10 de maio de 1909, onde o Concello ten dereito de tanteo. Non está conservada as propostas dos licitantes, perdidas case seguro no incendio do arquivo da administración de Alcalá de Henares de 1939, pero consta a concesión ao médico D. Senén Calleja Valle da Pobra da Caramiñal, que contaría con Mariano Martín Villoslada, con xefe da rede, que xa xestionaba as redes de Vilagarcía e Santiago de Compostela. Senén gañou o concurso por ofrecer tarifas máis baratas que a competencia (106,20 EUR/ano en lugar 130 que tiñan ata ese momento)

Senén Calleja. Faro de Vigo de 1 de febreiro de 1927


Un dos planes de Martín e reacondicionar a rede, para o que usará tendidos multifíos (con 60 unidades) con illantes, que evita a necesidade de usar cables individuais cun mínimo de separación para evitar induccións. Estos cables chegan en setembro de 1909 no vapor alemán Pluto. O troco da rede levará sobre un ano. En xullo de 1910 percíbese a reducción de cables saíntes da central con ramáis cara ao porto, estrada de Baiona e Colón e Urzaiz.


A cesión á Compañía Interurbana (1914)

A calidade do servizo sempre foi pobre e causou un rebelión de abonadso en abril de 1914. Ceferino Maestu, presidente da cámara de comercio de Vigo, convoca unha reunión o mércores 8 de abril de 1914, no domicilio social de Príncipe nº 39. O talante déspota de Martín Villoslada, os problemas cos postes da rúa Príncipe e a calidade xeral do servizo motivan a creación dunha comisión formada polo presidente Maestú, Guillermo Oya, Jose Barreras, Pedro Alario, Manuel Conde e os directores dos tres xornais da cidade. Acordan notificar unha baixa masiva a expensas de ter unha reunión con Mariano Villoslada, que se efectúa con posterioidade e tranquiliza aos abonados.

Un servizo deficitario acabou por ser ofrecido á Compañía Peninsular de Teléfonos en maio de 1914, que acababa de chegar a Vigo. Esta singularidade permitiu facer chamadas interurbanas de maneira máis simple para os usuarios domésticos, polo que Senén Calleja poido desligarse do servizo.

Esto tamén permitiu unha chegada temperá da Compañía Telefónica Nacional de España en 1924, ao ter o primeiro acordo coa Peninsular.


Para saber máis:

  • El Eco de Santiago diario independiente Ano V Número 1733 - 6 de outubro de 1900; Ano VI Número 1870 - 22 de marzo de 1901; Ano XIV Número 8510 - 12 de maio de 1909
  • Faro de Vigo: 6 de outubro de 1900; 10 de febreiro de 1901; 21 de marzo de 1901; 25 de abril de 1901; 7 de maio de 1909; 12 de maio de 1909; 3 de setembro de 1909; 17 de novembro de 1909; 10 de marzo de 1910; 14 de xullo de 1910; 8 de marzo de 1914; 8 de abril de 1914; 9 de abril de 1914; 14 de abril de 1914;
  • La Voz de Galicia: 10 de febreiro de 1901; 16 de maio de 1909
  • La Correspondencia Gallega diario de Pontevedra Ano XIII Número 3354 - 21 marzo 1901; Ano XXI Número 5772 - 14 maio 1909
  • Diario de Galicia periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general Num. 140 (16/05/1909)
  • La idea moderna diario democrático en Lugo Num. 5664 (19/11/1909)
  • Gaceta de Galicia Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 193 (03/09/1909)
  • Galicia nueva periódico regional, primer diario de Villagarcía Ano III Número 679 - 3 de xullo de 1909
  • Noticiero de Vigo  diario independiente de la mañana Ano XXIX Número 11688 - 8 de abril de 1914: Ano XXIX Número 11689 - 10 de abril de 1914: 


domingo, 20 de agosto de 2023

A conexión telefónica de Galicia con Portugal

As primeiras referencias da conexión da rede telefónica entre Galicia y Portugal son un par de proxectos illados, como a referencia no 6 de decembro de 1892 en La Voz de Galicia a un proxecto que chegara a Tui uns anos antes dunha empresa eléctrica lisboense para dar servizo eléctrico e telefónico entre Valença do Minho e Tui. 

O 10 de xullo de 1894 aparecería  a necesidade de conectar Galicia e Portugal, nesta caso para dar servizo aos xefes de servizo de aduanas de Tui con Valença e Verín con Vila Verde, que non se chegaría a construir. Cumpre salientar que xa existía un servizo telegráfico cun cable subfluvial entre Tui e Valença desde hai varias décadas.

Como recolle a prensa do 16 de abril de 1915, o deputado D. Ezequiel Ordóñez intenta conseguir o compromiso de D. Eduardo Estelat i Torres, Inspector Xeral da Compañía Peninsular de Teléfonos, responsable do servizo interurbano, de conseguir a conectividade con Tui, que naquel momento comezaba a instalación do servizo público urbano. Nese ano incluso se explora a posibilidade dunha hipotética liña interurbana de Portugal a Valença, que fose estendida ata Tui para dar conectividade coas poboacións de España e Portugal. A rede interurbana a Tui chegara en breve, pero no a rede interurbana de Portugal.

A emigración galega en Lisboa, bastante numerosa naquela éopca, reclama unha conexión telefónica con Galicia a finais de marzo de 1924 en El Pueblo Gallego, da man de Alejo Carrera.

El pueblo gallego : rotativo de la mañana - Número 53 - 28/marzo/1924

A prensa recolle como o Sr. Proctor, vicepresidente da CTNE, visita Vigo en 1927 e pasa por Tui cara Portugal, xunto ao xefe da Central Telefónica de Vigo, D. Manuel García Cortes, coa idea de negociar a conexión telefónica de España con Portugal.

O Diario de Lisboa publica unha entrevista de o Sr. Pedro Pérez Sánchez, vicepresidente da CNTE, o 26 de decembro de 1927 onde comunica a intención de conectar telefónicamente España en Portugal por catro puntos fronteirizos.

As primeiras conexións telefónicas de España con Portugal

Houbo ata tres conexión de España con Portugal ata que chegara a conexión galega.

A Compañía Telefónica Nacional de España construira a liña Cáceres - Valencia de Alcántara (fronteira) en 50 días, mentres que Portugal construiu a liña equivalente desde Lisboa ata esa fronteira. Serían dous circuitos directos con Lisboa, e un escalonado, cunha primeira parada en Portalegre, primeira vila de Portugal. O 10 de maio de 1928 fixeron a conexión física  diante de Pedro Pérez Sánchez, director de departamento da compañía telefónica. Un celador de cada compañía se subiron ao mesmo poste para facer o empalme. 

Conexión do último poste de España en Valencia de Alcántara. Arquivo Fotográfico da Fundación Telefónica.

O servizo telefónico con Portugal foi inaugurado o 17 de maio de 1928. O xeneral Primo de Rivera fixo a chamada inaugural ás 10 e media da mañá acompañado de director de comunicacións, D. Jose Tafur, o embaixador de Portugal en España Sr. Melo Barreto e o vicepresidente de Telefónica D. Lewis J. Proctor. Posteriormente o rei D. Alfonso XIII, que celebraba o seu aniversario, púxose en contacto con presidente da república portuguesa, o Xeneral Carmona.


Revista Telefónica Española. Número de xuño de 1928

Xusto ao día seguinte inaugurouse, aínda que sen celebracións, a liña de Ayamonte con Vila Real de Santo António. Esto implicou una cable subfluvial baixo o río Guadiana, que deixou algunha fotografías no arquivo de Telefónica. O 6 de setembro de 1928 inauguraríase a terceira ligazón, neste caso entre Badajoz i Elvas. 

Barco tirando o cable subfluvial de Ayamonte coa axuda duns barrís baleiros. Arquivo Fotográfico da Fundación Telefónica.

O número de chamadas de España a Portugal no primeiro ano sería moderado. Así, hay datos do mes de outubro de 1928 sobre o número de chamadas por día aos destinos disponibles naquel momento, no que habería 25 chamadas a Portugal.

Publicado na Revista Telefónica Española de novembro de 1928.




O conexión de Tui con Valença

A conexión de Tui demorouse por Portugal, que tardou en construir o circuito con Valença do Minho, polo que tardou uns meses en estar disponible.  A brigada C-43 dirixida polo capataz José Pulgar reconstruiron desde 11 abril de 1928 a liña Vigo - Tui con 710 postes novos, para soportar as novas necesidades do servizo, incluindo a conexión con Portugal, que aparece como rematado na publicación da Revista Telefónica Española do mes de febreiro de 1929.

La Nueva Red Telefónica de España 1928.
(Atlas Histórico de las Comunicaciones en España 1700-2002.
A.Bahamonde, G.Martinez, L.E. Otero. Correos y Telégrafos 2002).


A inauguración do servizo se levaría a cabo o 24 de xuño de 1929, unha vez estivera construida liña telefónica ata Valença do Minho do lado portugués.

Faro de Vigo. 25 de xuño de 1929.



Para saber maís:

  • El Ideal gallego : diario católico, regionalista e independiente: Ano XIII Número 3526 - 1929 xuño 25; Ano XIII Número 3527 - 1929 xuño 26
  • El pueblo gallego : rotativo de la mañana - Número 53 - 28/marzo/1924
  • El Sol: Diario independiente - Número 3244 - 27/Diciembre/1927
  • Faro de Vigo - 30 de agosto de 1927; 25 de xuño de 1929; 27 de xuño de 1929;
  • El Progreso : semanario independiente: Ano XXIII Número 10860 - 1929 xuño 26
  • La voz de Galicia - 10 de xullo de 1894
  • Correo de Galicia: Num. 1133 (09/10/1927)




luns, 14 de agosto de 2023

A primeira concesión telefónica en Coruña (1888 - 1908)

Á marxe das publicacións específicas sobre algúns dos acontecimentos máis senlleiros no inicio da rede, a rede urbana, primeira urbana de Galicia e, ata o crecemento da Vigo na segunda década do s.XX, a que contaba con máis abonados, daría lugar a sucesos, conflitos e curiosidades. As publicacións dedicadas máis relevantes son:

O conflito dos postes dos Cantóns (1888): https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/08/o-primeiro-conflito-cos-telefonos-o.html

A primeira baixa dun subscritor (1889): https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/11/a-primeira-baixa-dun-subscriptor-coruna.html

A primeira guía de teléfonos de Galicia de 1890 : https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/08/1890-primeira-guia-de-telefonos-en.html

O choque dun globo aerostático contra o cables (1895):  https://telefoniagalicia.blogspot.com/2023/04/o-choque-dun-globo-aerostatico-co-cable.html 


Teléfono na estación de tren 

O teléfono urbano xeraba moita expectación como servizo básico de utilidade, pero pronto creaba incertidumes sobre a utilidade. Alén da prensa, que buscaba información rápida, pouca utilidade tiña para moitos abonados, acostumados a traballar da maneira tradicional, en persoa. Sen dúbida, un dos servizos máis demandados era dispoñer de teléfono nas estacións de tren, para ter constancia de posibles atrasos. As compañías de ferrocarril tiñan teléfono para notificacións entre estacións, para facilitar a operación da rede (control do tráfico ferroviario), pero non estaba conectada ás redes urbanas.

O 23 de xaneiro de 1892 sae publicada na prensa a primeira solicitude de contar con teléfono urbano na estación, para que os traballadores poidan comunicarse con autoridades gubernativas, a administración de Correos (que tampouco tiña teléfono) ou inspección aduaneira. A modo de exemplo das dinámicas a romper, cando o tren correo leva atraso, un mozo da estación baixa ata a sede de Correos na rúa Nova para notificar o mesmo e ás compañías de transporte de viaxeiros. Todo isto faríase máis rápido no caso de dispor dun teléfono urbano na estación.

Ese teléfono non chegaría axiña. O director da rede urbana, Mariano Martín Villoslada, ofrecería a instalación gratuita do teléfono na estación en xaneiro de 1897, contacto coa colaboración da Cámara de Comercio. A Cámara trataría de involucrar o gobernador civil na prestación deste servizo, para cubrir o abono anual. A compañía telefónica comenta que o abono é de 150 pesetas anuais, sendo un 17% correspondente a impostos por parte do estado. A Cámara de Comercio achegaría os fondos para implantar o servizo, aínda que de xeito recorrente reclamaríase do director de estación certa proactividade para a utilización do mesmo para notificar ás autoridades sobre atrasos no servizo.


Accidentes motivados polo teléfono

O 7 de xuño de 1897 as oito e media da maña os instaladores da rede urbana Manuel García López e Manuel Torres, facendo unha instalación na rúa Ferrol no cruzamento co antigo campo de Carballo e hortas de Garás, deixaron un fío a metro e medio do chan cando cruzaba en bicicleta Eduardo Baña, que resultou ferido á altura do pescozo. Unha hora mais tarde aconteceu un suceso semellante con outro ciclista chamado Antonio Rodríguez o que motivou unha denuncia ante a alcaldía dos dous traballadores.

O primeiro derrube masivo de postes aconteu desde a Gaiteira en setembro de 1900, onde o teléfono vai ata a subcentral do burgo pola vía de tren, onde caeron postes nun quilómetro. A caída dun poste motivaba moitas veces a caída en cadena dos seguintes.

En xaneiro de 1903, mentras os operarios Jose García Villar e Manuel Gradío López arranxaban un fío na rúa Ferrol, caeu un cable telefónico sobre o de electricidade da fábrica de Saunier, e tocou as patas dun asno de Manuela Vázquez Rodríguez (lavandeira de Feans) cargado con bultos de roupa que falleceu inmediatamente. Algo parecido ocorreu coa vaca de Nicolasa Monterio do Peruleiro en decembro de 1907, pero esta vez o animal sobreviviu.

En abril de 1904 a prensa queixase de que os nenos con cometas estragan os cables telefónicos e impiden a comunicación cos abonados.




En novembro de 1904 unha tormenta eléctrica xerou unha serie de estragos na cidade. Un raio na rede de teléfonos provocou o incendio do terminal da intendencia militar.  Outro caeu directamente na central telefónica provocando que soaran simultáneamente os timbres de chamada dos teléfonos dos abonados durante horas. 

Segundo a prensa, o cabalo do soldado de artillería Isidro Jiménez na praza de Lugo en marzo de 1905 tropezou cun cable de telefóno que estaba a ser arranxado por operarios do servizo. Caeron ó chan e o cabalo deu unha couce a militar, que tivo que ser levado ao hospital militar. Ao día seguinte o director da rede, Mariano Martín Villoslada, descartaría a relación entre a caída e o cable de teléfono.

O conflito coa compañía da luz

As queixas de La Voz de Galicia en setembro de 1901 sobre a incidencia da electricidade na calidade do servizo telefónico. Manuel Barja, presidente da Cooperativa Eléctrica, contesta que non é certo que anormalidade que se sinte nos aparatos telefónicos sexa debida aos periodos de fabricación de electricidade, xa que existen ruidos fora do tempo de funcionamento da producción eléctrica.  Manuel Barja actúa de maneira belixerante contra Mariano Martín Villoslada, ao que acusa de non intervir ante as suxestión sobro o deficiente illamento entre os cables telefónicos e os eléctricos. Segundo Manuel, Mariano incumple o regulamento de 9 de xullo de 1900 sobre a disponibilidade de terras para evitar a inducción.

O gobernador civil convoca a ambas partes e deciden facer probas, como parar o motor da central eléctrica ás 23h e verificar o funcionamento do servizo telefónico. Non queda constancia na prensa do resultado destas probas, alén da necesidade de agardar por unha tormenta para verificar as sospeitas.

Os roubos de 1903

No primeiro trimestre de 1903 a compañía telefónica sofriu varios roubos de fíos entre os peiraos de Garás e o corralón da Gaiteira.  Baixo as ordes de Mariano Martín Villoslada varios mozos do teléfono recorreron a liña para verificar o estado. Sería o empregado José García Villar o que viu a cinco mozos cortando fío telefónico. Un deles subido nun dos postes do corralón e cortaba o fío cuns ferros, mentras que o resto o dividia abaixo en trozos. Escaparon pero José capturou a un deles chamado Manuel Canteira, veciño de Santa Margarita. Máis tarde serían capturado Jeremías Lorenzo Rey e Pedro Torres, ambos de 16 anos e veciños de A Silva. Todos comentaron que o que roubaban o cable eran os outros dous, que non coñecían.

Relacionado con isto parece ser o publicado no Boletín Oficial da Provincia do 20 de outubro de 1903. Buscan a Julio Ventureira Rodríguez, alias Talón, de catorce anos, da rúa do Arco 17, que se atopa en ignorado paradoiro ao fin de notificarlle o auto de entrada en prisión por o roubo duns cables.

Para saber máis:

  • El telegrama  diario de la tarde, imparcial de noticias Año XIX Número 5313 - 23 de xaneiro de1892
  • La voz de Galicia: 27 de xaneiro de 1897; 20 de febreiro de 1897; 2 de setembro de 1900; 20 de xaneiro de 1903; 27 de marzo de 1903; 15 de marzo de 1905; 3 de outubro de 1907
  • El Eco de Galicia diario de la tarde Num. 3195 (30/01/1897)
  • El diario de Galicia  periódico católico e independiente Ano VII Número 2008 - 29 de decembro de 1897
  • El diario de Galicia  periódico católico e independiente Ano VII Número 1838 -  8 de xuño de 1897; Ano VII Número 1977 - 21 de novembro de 1897; Ano VII Número 1979 - 24 de novembro de 1897; Ano VII Número 2008 - 29 de decembro de 1897
  • El áncora  diario católico de Pontevedra Num. 138 (04/10/1897)
  • El Progreso  diario liberal Año XVII Número 5145 - 3 de setembro de 1924
  • El Noroeste Año IX Número 3376 - 6 de abril de 1904; Ano IX Número 3577 - 26 de novembro de 1904; Ano XII Número 4506 - 5 de decembro de 1907
  • Boletín oficial de la provincia de La Coruña  Número 238 - 30 de outubro de 1903
  • La Correspondencia Gallega  diario de Pontevedra  Ano XV Número 3953 - 30 marzo 1903

mércores, 9 de agosto de 2023

A chegada do teléfono a Porriño

As primeiras redes telegráficas pasaban por Porriño, na ruta Tui - Vigo, pero non paraban na vila de Porriño. Nalgún momento dos anos 1890 creouse unha estación telegráfica en Porriño que, por unha mención na prensa de 1892 puido ter carácter de estación telefónica durante un tempo, sendo esto habitual cando non se contaba con persoal especializado na xestión dos equipos telegráficos.

Porriño dentro da rede urbana de Tui de 1915

A concesión de redes urbanas daba dereito a ter abonados nun radio de 15 quilómetros, que collería o concello de Porriño. Normalmente isto facíase con subcentrais dependentes, como era o caso de Marín (Pontevedra), o Burgo (Coruña) ou Xubia (Ferrol). No proceso de construcción da rede de Tui, .en febreiro de 1916, recolle o xornal La Integridad o interese de potenciais abonados no O Porriño: a Casa de Concello, D Jose Carrera Ramilo, D. Ramón González, D. Manuel Paz Varela, Dª Rudesinda Rey Rodríguez, D. Juan Cabaleiro Comesala, D. Emilio Santos Herrero, D. Gabino Iglesia Ávila, D. Hipólito Hermida Oubiña, D. Toribio de la Aldea García, El Eco de Porriño y Mos e D. Antonio González Fornos. Por unha serie de problemas (incluida a guerra) nunca se chegou a dar servizo desde Tui.

Info sobre a telefonía en Tui: https://telefoniagalicia.blogspot.com/2023/02/os-primeiros-anos-da-telefonia-en-tui.html


Porriño no plan provincial de 1917

Porriño aparece na proposta de plan provincial de Prudencio Landín como adaptación do plan de telefonía nacional de Francos Rodríguez que se mostra na figura, entre as liñas de Vigo, Redondela, Ponteareas e Tui. Ese plan iría atrasado, pero grazas á presión do deputado Manuel Fernández Barrón, en 1922, consideraríase a instalación en Porriño en 1922, que se conseguiría pouco antes da absorción das redes por parte da Compañía Telefónica Nacional de España, o 15 de abril de 1924.

Detalle do anteproxecto de telefonía provincial de Francos en 1917.


A inauguración da rede urbana en  1926

A central telefónica foi inaugurada o 29 de decembro de 1926, na mesma data que a de Redondela. Sería o responsable de zona, D. Manuel García Cortés, o que invitaría a políticos e prensa ao evento. Ás 11 da mañá chegaría o gobernador civil. D. Alberto Rodríguez Gómez, que foi recibido por outras autoridades que irían desde o Concello ata a sede da central telefónica acompañados da banda de música. 

Inauguración do servizo. El Pueblo Gallego. 31 de decembro de 1926.

O xefe de construción da central sería Victoriano Blanco, dirixido polo subadministrador de zona Prudencio Fuentes e o administrador o Sr. Manuel García Cortés. A central foi bendecida polo arcipreste Miguel González Davila. Aproveitaron para enviar mensaxes a autoridades ausentes, incluindo ao director do distrito telefónico o Sr. Abreu. 

Revista Telefónica Española - Marzo 1927


Os que sí estaban presentes foron: Silvino González García (alcalde), Jose Mosquera (xerente do matadoiro rural), Javier Alfaya (notario), Luis Bernárdez (abade), Serafín Lorenzo Araujo (xuiz municipal), así como concelleiros, funcionarios do xulgado, medicos e capellanes. 


Central telefónica no Porriño. Arquivo Pacheco. Sen datar. Posterior a 1936 polas referencias a F. Franco e a Falanxe.


Abonados nas listaxes de 1928 e 1933

Os anuarios de Telefónica recollen o número abonados ao peche de cada ano:

  • Fin de 1926: 29 abonados (enténdese que este número era o de solicitudes)
  • Fin de 1927: 30 abonados
  • Fin de 1928: 23 abonados
  • Fin de 1929: 25 abonados
No directorio conservado de 1928 aparecen 21 abonados, mentras que no de 1933 aparecen 31. Abaixo recóllense capturas destes directorios.


Listaxe de abonados de 1928



Listaxe de abonados de 1933

Para saber máis:

  • El Pueblo Gallego. 30 de decembro de 1926; 31 de decembro de 1926

venres, 4 de agosto de 2023

Os prezos do servizo telefónico en 1923

Utilizando as notas na prensa, podemos ter información da dinámica de prezos que tiña o servizo telefónico en 1923. 

Prezos por quilómetro de cable

O máis relevante é que  a cota gardaba certa relación entre o número de quilómetros de cable (non en liña recta ou por estrada, que podería ser o máis lóxico) e o prezo do servizo. Así, se de Vigo a Tui hai 41 quilómetros de cable, o prezo era proporcional a iso. Na seguinte imaxe están os prezos desde a estación interurbana de Tui.


La Integridad diario católico Num. 9941 (07/06/1923)

A duración das chamadas estaría limitada a tres minutos.


O horario das chamadas e disponibilidade do servizo

Desde Galicia só se podería chamar a parte da rede telefónica da Compañía Peninsular, xa que era complicado dispoñer de circuitos. Madrid, Guadalajara e Toledo e todo o Noroeste, que poderían reservar circuitos para facer chamadas. 

Os circuitos estaban disponibles a determinadas horas. Así, no caso dos datos da estación de Tui, poderían falar co destino en un momento determinado:
  • Burgos, Vitoria, Haro, Logroño, Miranda, Palencia, Valladolid, Medina del Campo, Salamanca, Zamora e Ávila: ás horas en punto
  • Madrid, Gualajara, Toledo y Alcalá: ás horas e media
  • Bilbao, Durango e Castro Urdiales: ás horas e dez minutos
  • Oviedo, Gijón, Avilés, Torrelavega e Santander: ás horas e cuarenta minutos
  • Monforte, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e Ourense: ás horas e dez minutos
  • Lugo, Betanzos, Ferrol e Coruña ás horas en punto
  • Santiago de Compostela: ás horas e media

O prezo dos telefonemas e dos avisos de chamada

Os teléfonemas era un servizo de notificacións escritas que se repartía a domicilio, de xeito similar aos telegramas (xestionados sempre por Correos e Telégrafos), pero utilizando o soporte telefónico e, daquela, cunha menor validez legal. 

A principal utilidade era o envío de notificacións de conferencia, para que as persoas se presentaran a unha hora determinada na sede da Compañía Peninsular e tiñan un custe de 0,35 pesetas na provincia e 0,60 pesetas fora da provincia.

Á marxe dos avisos de conferencia se podería utilizar o servizo para calquer mensaxe, con prezos dependentes da lonxitude do mesmo (de xeito similar aos telegramas):

  • Normais na provincia: 0,65 pesetas (15 palabras) e  0,05 pesetas por palabras extra
  • Normais fora da provincia: 1,15 pesetas (15 palabras) e  0,10 pesetas por palabras extra
  • Urxentes na provincia: 1,65 pesetas (15 palabras) e  0,15 pesetas por palabras extra
  • Urxentes fora da provincia: 3,15 pesetas (15 palabras) e  0,30 pesetas por palabras extra
Competían con telégrafos que prestaba o servizo de telegramas (tamén chamados despachos). Neste caso tiñan unha maior capilaridade da rede, ao ter servizo na maior parte das capitais de partidos xudiciais e tiñan un custe de 0,10 pesetas por palabra (nos normais ou ordinarios) e 0,30 pesetas nos urxentes, para un mínimo de 10 palabras. 

A concesión do servizo telefónico á Compañía Telefónica Nacional de España ao ano seguinte obrigou a esta a eliminar o servizo de telefonemas (competencia de Correos) en 10 anos e a igualar as tarifas de xeito inmediato.



O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...